A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda clausurou a xornada Balance e perspectivas de futuro do Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía en Galicia

Galicia asume o compromiso europeo de reducir as emisións nun 57% en 2030 e avanzar cara a unha comunidade neutra, verde e resiliente

Ángeles Vázquez valora o compromiso dos concellos para implementar medidas correctas e eficaces para afrontar o reto que supón o cambio climático

Incide en que o vindeiro ano 50 de cada 100 euros dos orzamentos da Consellería se destinarán á economía circular, á xestión dos residuos e á loita contra o cambio climático

A directora xeral de Administración Local fixo balance da orde de axudas anual do Fondo de Compensación Ambiental, que desde 2010 supuxo un investimento de máis de 110 M€ en máis de 2.500 proxectos

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

Galicia asume o compromiso europeo de reducir as emisións de gases nun 57% en 2030 e avanzar cara a unha Comunidade neutra, verde e resiliente, tal e como salientou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a clausura da xornada Balance e perspectivas de futuro do Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía de Galicia.

 

Durante este encontro, no que participaron preto de 200 representantes municipais, Ángeles Vázquez valorou o compromiso dos concellos para implementar medidas correctas e eficaces para afrontar o reto que supón o cambio climático. “Temos que cumprir cuns obxectivos aínda máis ambiciosos para acelerar a transición enerxética e evitar que a temperatura media se incremente en máis de 1,5 grados en 2050”, aseverou a conselleira.

 

Nesa liña, resaltou que desde que no ano 2018 a Xunta puxo en marcha a Oficina Técnica de Asistencia a Concellos 263 municipios se adheriron a esta iniciativa pasando dos 22 iniciais aos 285 da actualidade. Ademais, o 87% desas localidades xa deseñaron un Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable (PACES), “unha folla de ruta indispensable” para mellorar a eficiencia enerxética, utilizar fontes de enerxía renovables, aumentar a resiliencia e reducir as emisións de CO2.

 

Compromiso orzamentario

Logo de lembrar que a Xunta concedeu 1,3 millóns de euros en axudas para os PACES, Ángeles Vázquez incidiu en que o vindeiro ano 50 de cada 100 euros dos orzamentos da Consellería se destinarán á economía circular, á xestión dos residuos e á loita contra o cambio climático. E, entre outras medidas, convocaranse axudas destinadas a concellos de menos de 100.000 habitantes para a realización de accións piloto de carácter innovador e desenvolvemento de proxectos.

 

Ademais do compromiso orzamentario con esta cuestión, o Goberno galego está a preparar a que será a primeira Lei do clima de Galicia, unha norma que considerará a cuestión climática como un valor prioritario en todas as políticas que se desenvolvan na Comunidade e que recoñecerá a obriga legal de acadar a neutralidade climática en 2050.

 

Durante a súa intervención, a conselleira tamén fixo fincapé na necesidade de implicar aos axentes económicos e sociais na loita contra este fenómeno mundial e puxo a Alianza galega polo clima, que conta xa con máis de 30 entidades adheridas, como exemplo de iniciativa para crear sinerxías entre os sectores público e privado.

 

Cómpre lembrar que Galicia é unha das tres comunidades autónomas que máis diminuíron as súas emisións respecto ao nivel de 1990. E, ademais, mentres que na nosa Comunidade a diminución é dun 35,9%, no conxunto de España a baixada é dun 5,3%, polo que a diferencia se mantén en 30 puntos porcentuais.

 

Fondo de compensación ambiental

Durante este encontro celebrado en Santiago de Compostela, a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou na mesa redonda O Pacto das Alcaldías. Casos prácticos, xunto coa directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez; os alcaldes de Cervo, Alfonso Villares, e Porto do Son, José Luis Oujo; e a arquitecta municipal do Porriño, Alba Rodríguez.

 

Durante a súa intervención, a directora xeral de Administración Local, puxo en valor o traballo da Xunta a prol da conservación do medio ambiente e a eficiencia enerxética. Nesta liña, fixo balance da orde de axudas anual do Fondo de Compensación Ambiental, que desde 2010 supuxo un investimento de máis de 110 millóns de euros en máis de 2.500 proxectos relacionados coa protección do ambiente e do espazo natural nos que o Goberno galego colaborou coas entidades locais da comunidade.

 

Natalia Prieto lembrou a importancia desta ferramenta que, a través dos ingresos do canon eólico, contribúe a impulsar o desenvolvemento sustentable dos concellos. O próximo ano este fondo manterá a contía de 11,3 millóns de euros tanto para a liña non competitiva -aos concellos dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico- como para a competitiva á que poden concorrer todas as entidades locais. Como novidade, porase en marcha unha nova orde de axudas destinada especificamente ao financiamento de actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais cofinanciada con fondos FEDER e cunha dotación de 2,6 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/11/2022