A Xunta apoia a mellora da eficiencia enerxética de 80 negocios da provincia de Ourense

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, visitou esta mañá a cafetería restaurante Fogar do Maiores -xestionada por Aixiña-, en Allariz, e a tenda The Town, na cidade de Ourense, dous dos beneficiarios do Bono Enerxía Peme

Ourense, 21 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, destacou esta mañá en Ourense que a Xunta apoia a mellora da eficiencia enerxética de 80 negocios da provincia con axudas por 314.000 euros.

 

O director xeral visitou esta mañá a dous dos beneficiarios do Bono Enerxía Peme. Por un lado, estivo na cafetería restaurante Fogar dos Maiores, en Allariz que mellorou o seu equipamento coa instalación de armarios refrixeradores e un bateador profesional.
O local está xestionado pola entidade sen ánimo de lucro Aixiña, que tamén recibiu axudas para outros dous proxectos: o restaurante Acea da Costa en Allariz e a cociña central que posúe en Ourense. En total, son preto de 17.000 euros para un investimento que supera os 21.000. Grazas ás melloras incorporadas nas tres actuacións Aixiña conseguirá aforros de entre o 26 e o 46% con respecto ao consumo inicial.

 

Por outra banda, Pablo Fernández Vila desprazouse á tenda The Town, na cidade de Ourense, que contou cunha axuda de 3840 euros para un investimento de 4800 euros co que procedeu á instalación de portas automáticas. Grazas a esta actuación aforrará o 50% do consumo inicial. Este establecemento, ademais, é un dos 822 adheridos ao Bono Activa Comercio da Xunta en Ourense que xa leva mobilizado 810.000 euros en compras en toda a provincia.

 

Tal e como explicou o diretor xeral, a Xunta convocará en 2023 unha nova edición do Bono Enerxía Peme ao que destinará 4,7M€ e que incorporará, tamén, actuacións de asesoramento enerxético. Con este tipo de medidas, o Goberno galego quere estar ao carón de pemes e autónomos para que poidan rebaixar a súa factura eléctrica, favorecendo investimentos no eido da eficiencia enerxética que lles permitan manter a súa competitividade.

 

Para lograr este obxectivo, o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) contará en 2023 cun orzamento que medra ata os 80M€ e que se destina tanto ás empresas como aos fogares e ás administracións.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/11/2022