A Xunta pon en valor iniciativas como ‘Marisco da Illa’ para promocionar a calidade dos produtos das rías galegas e impulsar a súa comercialización

Este tipo de accións enmárcanse nos plans de produción e comercialización postos en marcha polas organizacións de produtores pesqueiros e que contan co apoio das achegas que convoca anualmente o Executivo galego

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2022.
Compartir
  • whatsapp

- O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, destacou hoxe o valor que teñen iniciativas como Marisco da Illa. O segredo do bo gastrónomo, da Organización de Produtores de Marisco e Cultivos Mariños da Provincia de Pontevedra (OPP20), á hora de poñer en valor a calidade dos produtos das rías galegas, impulsar a súa comercialización e enxalzar a tradición marisqueira. 

A campaña realizará diferentes demostracións de cociña con mariscos como a ameixa ou o berberecho por distintas escolas de hostalaría da comunidade como o Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), lugar escollido para presentar a iniciativa. A este respecto, Antonio Basanta, que estivo acompañado pola directora do (CSHG), Marta Fernández Vázquez, salientou a importancia de promocionar estes manxares entre os futuros cociñeiros para que experimenten a súa versatilidade e sabor.

Este tipo de iniciativas desenvólvense ao abeiro dos plans de produción e comercialización das organizacións de produtores pesqueiros (OPP), para os que a Xunta convoca axudas todos os anos co obxectivo de impulsar a actividade destas entidades e favorecer uns mellores resultados económicos para o conxunto do sector pesqueiro.  

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 21/11/2022