A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde asinaron esta tarde o convenio de colaboración en virtude do cal se comprometen a cofinanciar a actuación

A Xunta e o concello de Sober investirán máis de 170.000 € na mellora e posta en valor do espazo público que leva á igrexa de San Xiao de Lobios

As obras enmárcanse no plan Hurbe, impulsado en 2010 para apoiar ás entidades locais en proxectos que melloren as condicións e a calidade de vida da súa veciñanza, cun total de 85 actuacións comprometidas só na provincia de Lugo desde entón

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A Xunta e o Concello de Sober colaborarán para levar a cabo as obras de urbanización para a mellora e posta en valor do espazo público que conecta coa igrexa parroquial de San Xiao de Lobios, localizada no núcleo do mesmo nome.

 

Cun investimento previsto de algo máis de 172.000 euros, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor municipal, Luis Fernández, asinaron esta tarde o convenio de colaboración en virtude do cal o Goberno galego achegará o 70% do orzamento e a Administración local o 30% restante.

 

Os traballos terán tres zonas de actuación diferenciadas e abranguerán un ámbito de 1.762 metros cadrados localizado nos lugares de Lobios e Cima da Lama, divididos por unha estrada provincial na que se apoia o antigo campo da festa, un cruceiro e a capela da Raíña do Campo.

 

En concreto, o proxecto prevé urbanizar e renovar o espazo público que leva á igrexa de San Xiao mediante a recuperación do campo da festa, a creación de catro prazas de aparcamento, a instalación de mobiliario urbano e a habilitación dun paso de peóns sobre a estrada para conectalo coa capela. Ademais, na porta do adro da igrexa está previsto crear unha praza cun banco e iluminación.

 

Tamén se intervirá na contorna do cruceiro, onde se prevé introducir unha nova pavimentación, instalar unha luminaria e un banco, e no emprazamento dos contedores de lixo para introducir un elemento de madeira que diminúa o impacto visual.

 

A obra acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.

 

Desde entón, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 400 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.

De feito, só na provincia de Lugo foron comprometidas ou executadas desde entón ao abeiro deste programa un total de 85 actuacións, incluída a que se proxecta acometer no concello de Sober.

 

A Xunta destinará 8,6 millóns de euros o vindeiro ano a seguir apoiando ás entidades locais galegas na execución deste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.

 
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/11/2022