A Xunta salienta o seu compromiso coa economía circular e pon en valor a importancia do proxecto de Ence nas Pontes para a reactivación industrial da comarca

 O director do Igape, Fernando Guldrís, participa no encontro mantido coa Asociación de Empresarios Seara para avaliar as posibilidades do proxecto

 

Subliña que a instalación dunha planta para a recuperación de papel e cartón e a produción de biocumbustibles e fibras naturais recicladas reforza o compromiso de Galicia por un modelo industrial baseado na economía circular e as renovables


Destaca que o actual contexto de transición enerxética supón unha oportunidade para impulsar o binomio industria-sustentabilidade e iniciar a descarbonización das actividades económicas
 

As Pontes (A Coruña), 22 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe no encontro mantido coa Asociación de Empresarios Seara para afondar nas posibilidades do proxecto de Ence nas Pontes, un marco no que puxo en valor a importancia desta iniciativa de cara á reactivación industrial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

 

Neste sentido, Guldrís destacou a complementariedade do proxecto coa factoría de Lourizán, o que permitirá á compañía pechar o seu ciclo produtivo en Galicia. Así, a iniciativa prevé a instalación dunha planta para a recuperación de papel e cartón e a produción de biocumbustibles e fibras naturais recicladas.

 

“Estamos a falar dun proxecto que reforza o compromiso de Galicia cun modelo industrial baseado na economía circular e as renovables”, afondou o director do Igape, quen incidiu que no actual contexto de transición enerxética esta iniciativa supón unha oportunidade para impulsar o binomio industria-sustentabilidade e iniciar a descarbonización das actividades económicas.

 

Neste contexto, Guldrís incidiu no feito de que a Xunta de Galicia leva tempo traballando conxuntamente coa compañía para identificar o emprazamento idóneo, e que esta colaboración se vai manter ao longo do proceso de avaliación que está a levar a cabo a empresa sobre os aspectos técnicos, ambientais e financeiros.

 

Así mesmo, Guldrís sinalou que esta proposta se suma a outros proxectos que tamén se prevé desenvolver nas Pontes, como o de Reganosa e EDP Renovables, para instalar unha planta de hidróxeno verde, e Sentury, que proxecta implantar unha factoría de pneumáticos das máis eficientes e avanzadas do grupo. Ademais, o Goberno galego aprobou tamén dúas iniciativas empresariais prioritarias na zona, como é o caso dunha fábrica de metanol de Forestal del Atlántico en Mugardos; ou a planta de reutilización de residuos de Valogreene Recinor nas Somozas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/11/2022