A Xunta destaca o papel de Roberto Verino como embaixador da moda galega

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, participou en Santiago de Compostela na inauguración da exposición ‘40 anos de Estilo Verino’

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 22 novembro de 2022 A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, puxo hoxe a Roberto Verino como un exemplo dos mellores embaixadores da moda, o deseño e a competitividade do sector téxtil galego que nos últimos 40 anos conseguiu conquistar mercados de todo o mundo.

Na inauguración oficial da exposición 40 anos de Estilo Verino en Santiago de Compostela, no Museo do Pobo Galego, a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, salientou durante a súa intervención o labor feito polo deseñador Roberto Verino durante máis de catro décadas pola moda e o téxtil galego, que se converteu nun referente da creatividade galega e dinamizador dun dos sectores máis vigorosos da economía galega.

A xerente de Galicia Calidade subliñou que esta ollada retrospectiva sobre os 40anos de traxectoria de Roberto Verino deben ser un "pulo para o conxunto do sector" para seguir apostando pola creatividade e a innovación para seguir conquistando as pasarelas e os mercados de todo o mundo. Segundo dixo, hai que facelo adaptándose ás novas demandas dos consumidores, competindo con innovación e sustentabilidade.

Ana Méndez explicou que a marca de garantía está traballando na elaboración duns indicadores de sustentabilidade que axudarán a certificar a contribución das empresas na elaboración dos seus produtos ou na prestación dos seus servizos ao cumprimento dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) e na loita contra o cambio climático. E o sector téxtil é un "dos que se poden beneficiar desta nova estratexia", engadiu.

Ademais, aproveitou esta xuntanza para destacar a aposta polainnovación e a excelencia en todo o proceso produtivo de Roberto Verino e o compromiso con Galicia Calidade a través doutras das súas empresas, como é o caso da Adega Gargalo, que conta co selo de garantía para os seus viños.

Segundo recordou, Galicia Calidade conta con máis de 760 produtos e servizos certificados de 148 empresas, que engloban os sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e planta ornamental.

A exposición 40 anos de Estilo Verino reúne un conxunto de fotografías que repasan a traxectoria e as creatividades do deseñador verinés a longo de catro décadas, un proxecto que trata de conseguir a "esencia e a ilusión para seguir 40 anos máis". A mostra poderá visitarse no Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval, s/n) a partir de hoxe, 22 de novembro, e permanecerá na cidade compostelá ata o 8 de xaneiro de 2023.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/11/2022