A Xunta propón repartir 33 M€ entre os concellos que se acolleron ao programa de rehabilitación de barrios para poder atender todas as solicitudes

O Instituto Galego da Vivenda e Solo traslada ás entidades locais a distribución provisional dos fondos solicitados, que triplica os 11,48 M€ asignados inicialmente
 

O incremento da dotación destas axudas xa estaba previsto na convocatoria publicada no mes de xullo aínda que o reparto definitivo deberá concretarse nun acordo entre o Goberno galego, os concellos beneficiarios e o Executivo central

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia prevé repartir 33 millóns de euros entre os 29 concellos que solicitaron fondos do programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de barrio do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado con fondos europeos. Esta planificación supón case triplicar os 11,48 millóns de euros previstos na convocatoria publicada o pasado 19 de xullo e responde á necesidade de atender as solicitudes de todos os concellos que a presentaron.

 

As axudas de barrio financiaranse cos 11,48 millóns correspondentes ao reparto de fondos europeos xa realizado entre as comunidades autónomas e tamén á nova distribución que se realizará antes de finais deste ano.

 

O IGVS xa comunicou aos concellos a proposta provisional de reparto, así como o requirimento da documentación adicional necesaria, que deberán presentar no prazo de 15 días. Unha vez completados os trámites, a distribución definitiva de fondos concretarase nun acordo entre a Xunta de Galicia, os concellos e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

 

En total está previsto que se beneficien destas axudas 55 entornos residenciais de rehabilitación programada (ERRP) declarados en 29 concellos, a través dos cales os concellos farán chegar as axudas aos cidadáns interesados. Do total de 55 ERRP que se beneficiarán en Galicia, 42 coinciden con Áreas de rehabilitación integral (ARI) xa declaradas, e ademais, en cinco casos os concellos solicitantes contan tamén cunha Área Rexurbe declarada. Das axudas a nivel de barrio poderán beneficiarse as 5.783 vivendas existentes en ditas contornas.

 

As subvencións previstas neste programa van destinadas a inmobles nos que, polo menos, o 50% da superficie construída sobre rasante teña un uso residencial de vivenda, excluíndo a planta baixa e outra plantas inferiores que alberguen outros usos compatible.

 

O importe da axuda depende do grao de eficiencia enerxética conseguido coa actuación de rehabilitación que se execute, e pode ser do 40, do 65 ou do 80% do orzamento protexible, acadando un máximo de 29.425 euros por vivenda; en todo caso, a axuda poderá acadar o 100% do investimento realizado, excluídos impostos, cando se identifiquen situacións de vulnerabilidade económica nalgún dos propietarios da vivenda.

 

Ademais, poderá concederse unha axuda adicional de ata 12.000 euros no caso de que sexa necesario retirar elementos con amianto.

 
Os propios concellos tamén poderán beneficiarse dos incentivos previstos neste programa para obras de urbanización, reurbanización ou mellora do entorno físico. O importe da axuda ao concello será dun 15% adicional sobre as contías máximas da axuda por vivenda. Ademais, recibirán 800 euros por vivenda rehabilitada para financiar a oficina municipal de rehabilitación.

Data de actualización: 23/11/2022