A Xunta destaca en Baiona o papel do Espacio Hylica na recuperación dos oficios artesanais

A xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá o proxecto impulsado polos obradoiros de Natalia Moreno e Régis Floury, pertencentes á marca Artesanía de Galicia

Compartir
  • whatsapp

Baiona (Pontevedra), 23 de novembro de 2022 A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá en Baiona o proxecto Espacio Hylica, impulsado polos artesáns Natalia Moreno e Régis Floury, cuxos obradoiros forman parte da marca Artesanía de Galicia. Durante a súa visita, puxo en valor a importancia do labor que se está a desenvolver desde este espazo de formación para a recuperación e transmisión dos oficios artesanais, especialmente dos máis antigos.

 

Régis Floury é ebanista, restaurador de instrumentos musicais antigos e construtor de instrumentos tradicionais de corda. Licénciase en Conservación de Mobiliario e Instrumentos Musicais Antigos no Institut National du Patrimoine (París) e conta cunha ampla experiencia en museos públicos traballando como restaurador. Trasládase a Galicia atraído polas técnicas antigas e polos instrumentos musicais para formarse na construción de instrumentos musicais tradicionais na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Régis Floury é membro da Societé Française du Luth e o seu traballo está recoñecido pola guía Homo Faber da Fundación Michelangelo, que recolle a excelencia da artesanía en toda Europa.

 

Natalia Moreno estuda restauración de pintura, dourado e policromía no Instituto per l’arte e il Restauro, en Florencia, e posteriormente estuda deseño de moda e estampaxe no Instituto Europeo di Design, en Madrid. Conta con experiencia con anticuarios e museos de Italia e España ata que centra a súa carreira no deseño de moda e de estampaxe. Desde hai máis de 15 anos abriu o seu propio estudo de deseño Natalia Moreno Studio desde o que traballou para marcas como Zara Kids, Tintoretto, Hoss intropia, Springfield, El Corte Inglés ou Fundación Juan March. Está tamén especializada na docencia sobre estampaxe téxtil artesanal.

 

Desde hai un ano, Régis Floury e Natalia Moreno teñen aberto en Sabarís (Baiona) Espacio Hylica como un espazo creativo que, ademais de albergar os seus respectivos obradoiros, constitúe tamén un lugar de estudo e de divulgación de técnicas artesanais antigas, no que se imparten cursos e talleres diversos relacionados con técnicas manuais. O seu obxectivo é lograr que o público sinta un interese novo polo patrimonio e se achegue a el desde o punto de vista artesanal.

 
En Espacio Hylica ofrécense clases e talleres puntuais relacionados con diversos oficios e técnicas antigas como a carpintería tradicional, o dourado, a marquetería, a estampaxe téxtil, a xilografía, as técnicas de luthería ou a carpintería para nenos. Os artesáns abren tamén o seu espazo creativo para outros artesáns que queiran desenvolver a súa creatividade nas súas instalacións de Baiona.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/11/2022