A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou esta tarde de forma telemática na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente

A Xunta rexeita o borrador do Plan estratéxico do patrimonio natural ao considerar que propón medidas pouco realistas e inviables

Subliña que Galicia xa te unha Lei de patrimonio natural, aprobada en 2019, completa e eficaz para preservar a biodiversidade e non pode subscribir un documento que non ten en conta os taxons ameazados ou a dispoñibilidade de medios humanos e materiais

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia votou hoxe en contra do borrador do Plan estratéxico do patrimonio natural e da biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miterd) co argumento de que avoga por medidas pouco realistas e que fan inviable a súa aplicación práctica.

 

O contido do documento foi un dos puntos principais que se abordou durante a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente celebrada esta tarde, un encontro no que participou de forma telemática a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

 

Durante a súa intervención, a responsable autonómica xustificou o rexeitamento de Galicia ao referido plan subliñando que, en relación á protección e conservación da natureza, o documento sinala que deberá dispoñerse de plans de recuperación ou conservación para todas as especies catalogadas como ameazadas, aprobados oficialmente e dotados dos recursos suficientes.

 

Sen embargo, Ángeles Vázquez precisou que para poder acometer este obxectivo debería terse en conta, polo menos, o número de taxons ameazados en cada territorio, o seu estado de conservación e a dispoñibilidade de recursos tanto humanos como materiais das distintas comunidades.

 

Neste sentido, a conselleira sinalou que os plans de xestión non son o único instrumento existente para xestionar as especies ameazadas senón que, polo contrario, este labor se realiza a través dun variado conxunto de ferramentas que inciden na súa conservación e se recollen en normas a nivel europeo, estatal e tamén autonómico, referíndose en concreto á Lei de patrimonio natural de Galicia, aprobada en 2019, e que defendeu como unha norma completa e eficaz no seu obxectivo de preservar a biodiversidade.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/11/2022