A conselleira do Mar respondeu no Parlamento a unha pregunta relacionada co afundimento do ‘Prestige'

A Xunta pon en valor a evolución nos últimos 20 anos do sistema de resposta e actuación ante un eventual episodio de contaminación mariña accidental

A conselleira do Mar lembra que a comunidade avanzou moito tanto cientificamente como a nivel de medios e que é un dos espazos con maior protección ao contar cun Servizo de Gardacostas propio e ter incorporado importantes buques e equipamentos

Aos medios técnicos engádese a existencia dun Sistema Nacional de Resposta no que se inclúe o plan autonómico Camgal para loitar de forma máis eficaz, operativa e eficiente contra este tipo de emerxencias

Rosa Quintana subliña que o risco cero non existe, especialmente nun medio hostil e cambiante como é o mar, e que un episodio da magnitude do Prestige sería moi difícil de xestionar para calquera país ou Goberno do mundo

A Xunta lembra que as normativas internacionais cambiaron moito para reforzar tanto o control do tráfico marítimo como as inspeccións ás que son sometidos os mercantes e que a Organización Marítima Internacional prohibiu desde 2010 a navegación de buques monocasco por supoñer un maior risco en caso de accidente

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo en valor hoxe no Parlamento a evolución nos últimos 20 anos do sistema de resposta e actuación ante eventuais episodios de contaminación mariña accidental e incidiu en que a comunidade está moito máis preparada. Así o explicou en resposta a unha pregunta sobre os avances rexistrados desde o afundimento do Prestige na que expuxo que a comunidade mellorou moito tanto cientificamente como a nivel de medios para facer fronte a emerxencias deste tipo.

A representante da Xunta subliñou que o risco cero non existe, pois o mar é un medio hostil e variable, pero incidiu en que Galicia é un dos espazos marítimos con maior e mellor protección -é a única comunidade autónoma española que conta cun Servizo de Gardacostas propio- ao tempo que puxo de relevo que un episodio da magnitude do Prestige sería moi difícil de xestionar para calquera país e Goberno do mundo.

Nesta liña, Rosa Quintana puxo en valor que España conta na actualidade cun Sistema Nacional de Resposta que permite mellorar a coordinación ante emerxencias deste tipo e que, dentro dese sistema, a comunidade dispón do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental (Plan Camgal), creado no ano 2012 para loitar de forma máis eficaz, operativa e eficiente ante incidencias destas características.

A responsable da Consellería do Mar detallou que nos últimos anos Galicia incorporou importantes medios e equipamentos como os buques Irmáns García Nodal e Sebastián de Ocampo -dotados de EPI de protección nuclear, radiolóxica, biolóxica e química (NRBQ)- así como o Ría de Vigo, designado para o Noroeste de Península Ibérica pola Axencia Europea de Seguridade Marítima (EMSA) e no que a Xunta contribúe a manter a súa operatividade.

A maiores, todas as bases do Servizo de Gardacostas de Galicia e as súas patrulleiras contan con material de loita contra a contaminación ao tempo que a comunidade dispón de cinco naves de almacenaxe de distintos equipamentos, tres de Gardacostas en Cambados, Sada e Viveiro e dúas de Portos de Galicia, en Cambados e A Pobra do Caramiñal.

Normativa internacional

A conselleira tamén lembrou que as normativas internacionais cambiaron moito nestes 20 anos reforzándose tanto o control do tráfico marítimo a través dos corredores internacionais como as inspeccións ás que son sometidos os buques mercantes. A esa maior rigorosidade engádese que a Organización Marítima Internacional (OMI) prohibiu desde 2010 a navegación dos buques monocasco -como era o Prestige- por consideralos moito máis inseguros e que supoñen un importante risco en caso de accidente.

Rosa Quintana insistiu en que Galicia vai seguir traballando co obxectivo de que as súas costas sexan máis seguras e evitar na medida do posible que se repitan episodios como os vividos no pasado. De feito, na última década realizou máis dun cento de exercicios de loita contra a contaminación mariña para testar os seus medios e optimizar a coordinación. Neste sentido, trasladou a vontade da Xunta de seguir colaborando con outras administracións a nivel local, nacional e internacional co obxectivo de avanzar nunha maior seguridade das costas e dos mares de xeito global.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/11/2022