A Xunta pon o foco na saúde mental e na atención aos riscos derivados das novas formas de traballo

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou en Vigo o 6º Congreso de prevención e seguridade industrial 4.0. onde puxo en valor as actuacións da Xunta para que o tecido empresarial promova a saúde no eido laboral

O Goberno galego está a impulsar unha nova lei de igualdade que incorporará o concepto de benestar laboral vencellado coa conciliación, o teletraballo ou a flexibilización de horarios, entre outras medidas

Compartir
  • whatsapp

Vigo, 24 de novembro de 2022 A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, fixo este anuncio na inauguración do 6º Congreso de prevención e seguridade industrial 4.0, celebrado co lema Benestar e saúde mental 4.0, organizado polo Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais e a Asociación de profesionais da Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Aprosal), onde puxo en valor o traballo do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia a favor da xestión da saúde mental e a prevención de riscos psicosociais en Galicia.

Mancha incidiu na necesidade de indentificar, avaliar e facer revisión contínua dos factores psicosociais que repercuten no benestar das persoas. Este proceso, segundo indicou, “virá determinado pola revisión e adaptación das novas formas de traballo”.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), promoverá nos próximos meses campañas para previr riscos psicosociais e para animar ás pemes a iniciar proxectos de promoción da saúde no traballo. Elaborarase material divulgativo para o bo liderado e para a prevención do estrés, dirixido ao colectivo autónomo e ás pequenas empresas.

“O traballo pode ser un factor protector para a saúde mental, pero tamén pode contribuír a un dano potencial”, afirmou a directora xeral, quen lembrou na súa intervención que “todas as traballadoras e traballadores teñen dereito a un ambiente seguro e saudable no traballo”.

Mancha destacou que as medidas para a protección da saúde dos traballadores e traballadoras débense formular no eido das organizacións xa que, moitas veces, “os riscos piscosociais derívanse das deficiencias no deseño, a organización e a xestión do traballo, así como dun escaso contexto social do traballo”. “O máis eficaz é un enfoque holístico e sistemático para unha contorna psicosocial favorable que fomente o bo rendemento e o desenvolvemento persoal, así como o benestar mental e físico do traballador”, apuntou.

Entre outras cifras, Mancha aportou que cada ano se perden 12.000 millóns de días de traballo no mundo a causa da depresión ou da ansiedade, algo que custa á economía mundial case un billón de dólares.

A Xunta, aliñada coas directrices da Organización Mundial da Saúde (OMS), recomenda medidas para facer fronte aos riscos para a saúde mental como grandes cargas de traballo, comportamentos negativos e outros factores que poden xerar angustia.

Tal e como lembrou a directora xeral, en outro eido de cousas, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a impulsar a nova lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que introducirá a idea do benestar laboral nas empresas, vinculado coas políticas de conciliación, flexibilización de horarios, teletraballo, prevención de riscos laborais e Responsabilidade Social Empresarial, entre outras.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/11/2022