Esta mañá acudiu ás instalacións da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, en Leiro

O delgado territorial da Xunta en Ourense visita aos participantes dun talles práctico sobre poda da vide

Gabriel Alén louvou, tanto as instalacións como o traballo, alta cualificación técnica, a experiencia e a implicación dos profesionais que neste centro de referencia desenvolven a súa actividade investigadora a prol do sector vitivinícola de Galicia

O director da Evega explicoulle ao delegado territorial que o obxectivo deste taller práctico é formar viticultores e técnicos na poda respectuosa coa planta, o que propicia que os viñedos duren máis anos cun mellor estado sanitario e produtivo

Ourense, 24 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ás instalacións da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) para estar ao carón dos participantes nun taller práctico sobre poda da vide, organizado pola propia Estación, dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Consellería do Medio Rural), en colaboración coa Fundación Juana de Vega.

Acompañado do seu director, Juan Manuel Casares, e do alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, Gabriel Alén, louvou, tanto as instalacións como o traballo, alta cualificación técnica, a experiencia e a implicación dos profesionais que neste centro de referencia desenvolven a súa actividade investigadora a prol do sector vitivinícola de Galicia.

O director da Evega explicoulle ao delegado territorial que o obxectivo deste taller práctico dirixido por Julián Palacios, un dos expertos máis recoñecidos nesta materia a nivel nacional, é formar viticultores e técnicos na poda respectuosa coa planta, o que propicia que os viñedos duren máis anos cun mellor estado sanitario e produtivo. Dentro desta finalidade xeral, no folleto explicativo do taller sinálase que a poda é unha das accións máis importantes no cultivo da vide. Mediante ela, modifícase a súa estrutura orixinal, para convertela nunha estrutura produtiva que se manteña no tempo.

Engádese que, unha vez formada a cepa, é fundamental realizar unha boa poda de mantemento. A determinación da carga que hai que deixar en función do vigor da vide, así como a execución de cortes ou que brotes usar como os mellores que se utilizarán como cargadores, son factores fundamentais que condicionarán a saúde e a produción dos acios para o ano seguinte.

Hai unha tendencia moi marcada a manter unha estrutura da cepa adaptándoa a un sistema de condución estable, como é a espaleira, que facilita o manexo do cultivo, pero xera unha gran cantidade de madeira morta dentro da cepa, o que limita o seu bo funcionamento. Hoxe sábese que é necesario darlle maior importancia a que a savia circule libre de obstáculos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/11/2022