Fernández-Tapias destaca os avances tecnolóxicos das salas de vistas da Cidade da Xustiza e a boa marcha do traslado durante a visita do presidente do TSXG

A delegada da Xunta en Vigo fixo un percorrido pola nova infraestrutura xunto ao máximo responsable do Tribunal Superior, José María Gómez Díaz-Castroverde

O traslado dos órganos xudiciais avanza segundo o cronograma previsto: dez xulgados e sete salas de vistas xa funcionan a pleno rendemento

Vigo, 24 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou este xoves a boa marcha do traslado da Cidade da Xustiza e os avances tecnolóxicos que se están a instalar en todas as salas de vistas. A representante autonómica visitou hoxe a nova infraestructura xudicial xunto ao presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez Díaz-Castroverde, e o decano dos xuíces de Vigo, Germán Serrano.

“O traslado marcha tal e como estaba previsto para estar completado nos mes de abril e a Cidade da Xustiza xa incorpora os sistemas tecnolóxicos máis avanzados en todas as súas salas de vistas e contarán con sincronización cos servidores e serán compatibles co resto das Comunidades Autónomas”, sinalou Fernández-Tapias antes do percorrido polas instalacións.

Segundo explicou, a día de hoxe xa están “a pleno funcionamento” na nova infraestructura cun total de dez órganos xudiciais (Contencioso 1 e 2; Instancia 4 e 5; Social 2, 5 e 6; Penal 1, Mercantil e reforzo de Primera Instancia) e sete salas de vistas (números 3, 4, 5, 11, 12, 13 e 35).

Investimento de 42 millóns

A nova infraestrutura, que acollerá 38 unidades xudiciais, trátase da obra xudicial máis importante da historia da comunidade na que a Xunta investiu máis de 42 millóns de euros e coa que está a piques de culminar o Plan de Infraestruturas Xudiciais, dotado con máis de 125 millóns.

Unha vez posta en marcha, a Cidade da Xustiza unificará nun só edificio os órganos xudiciais da cidade, ao acoller nos seus 44.000 metros cadrados as unidades xudiciais xunto coa Fiscalía de Área, as 2 seccións da Audiencia Provincial e a subdirección do Instituto de Medicina Legal (Imelga).

En total, trasladaranse máis de 500 traballadores da Administración de Xustiza, que terán á súa disposición unha escola infantil de 41 prazas para facilitar a súa conciliación laboral e familiar.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/11/2022