A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse hoxe coa Federación Galega da Construción e a Asociación Provincial de Promotores Inmobiliarios da Coruña

A Xunta modificará a lei para reducir os prazos de primeira ocupación de edificacións e vivendas a só 15 días

Ángeles Vázquez traslada a construtores e promotores que a través da Lei de medidas fiscais e administrativas dos orzamentos, en tramitación parlamentaria, se propón substituír a actual licencia municipal por unha comunicación previa
 

Subliña que esta medida responde a unha demanda do propio sector e permitirá que se poida acceder aos inmobles de forma case inmediata tras a finalización das obras

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia ten previsto modificar o marco normativo vixente co fin de reducir de forma notable os prazos actuais para autorizar a primeira ocupación de edificacións e vivendas de nova construción, que pasarán de prolongarse durante varios meses a tan só 15 días.

 

No marco dunha reunión coa Federación Galega da Construción (FGC) e coa Asociación provincial de promotores inmobiliarios da Coruña (Aproinco), a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzoulles a medida aos representantes do sector, un dos colectivos que se beneficiarán de forma directa deste cambio normativo.

 

Neste sentido, a responsable autonómica explicou que a través da Lei de medidas fiscais e administrativas dos orzamentos de 2023 —actualmente en tramitación no Parlamento galego—, a Consellería propuxo modificar a Lei do solo para substituír a licenza de primeira ocupación por unha comunicación previa co fin de axilizar os prazos e permitir que as edificacións poidan ser ocupadas de forma case inmediata tras a finalización das obras. Así mesmo, tamén se introducirá algún cambio na Lei de vivenda en coherencia coa nova redacción da normativa en materia de solo.

 

Este cambio, tal e como subliñou a conselleira, responde a unha demanda do propio sector, trasladada nas reunións do Observatorio da Vivenda de Galicia, e suporá tamén un beneficio para os propios concellos, que son os que teñen que tramitar estas licenzas co obxectivo de verificar que os edificios ou vivendas cumpren con todos os requisitos necesarios para destinarse a uso residencial e que se axustan ao permiso urbanístico.

 

Neste sentido, cómpre subliñar que, na actualidade, a lexislación dá tres meses para emitir estas licenzas pero, na práctica, ás entidades locais lles resulta moi difícil cumprir con esta obriga no prazo establecido, polo que se alongan, como mínimo, a seis meses.

 
Grazas á modificación lexislativa proposta pola Xunta, polo tanto, gañarase axilidade e por primeira vez a normativa sectorial galega suxeitará a concesión da primeira ocupación de edificios e vivendas a unha comunicación previa.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/11/2022