O delegado territorial da Xunta na Coruña presentou, esta mañá, os cursos aos centros e entidades de formación que resultaron beneficiarios das accións formativas para o emprego (AFD)

Trenor informa de que a Xunta financiará con máis de 15,2 M€ 152 cursos de formación para 3.190 persoas sen emprego de Santiago e Barbanza

Os centros de formación profesional para o emprego poderán cualificar a máis de 1.935 persoas de Santiago e Barbanza só a través dos 129 accións formativas para persoas desempregadas
 

Ademais a Xunta financiará nestas dúas comarcas 10 plans integrados de emprego e 13 obradoiros que formarán 1.255 desempregados
 

A Xunta de Galicia está a situar a cualificación profesional no centro da axenda política no marco da estratexia ‘Xempre Contigo’ que busca mellorar o índice de empregabilidade e estabilidade do mercado laboral galego

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2022 A Xunta financiará con 16,9M€ máis de 109 cursos formativos, que se impartirán en 2022 e 2023, para persoas sen emprego das comarcas de Santiago e Barbanza a través de AFD (accións formativas para desempregados), programas integrados de emprego (PIE), e obradoiros de emprego para cualificar 3.190  persoas. Así o avanzou, esta mañá, o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, durante un encontro con representantes dos centros de formación profesional que resultaron beneficiarios nestas zonas, no que tamén estivo presente a xefa territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Judit Fontenla.

 

Trenor explicou que na comarca de Santiago impartiranse 94 cursos de AFD, 8 plans integrados de emprego e 8 obradoiros que formarán 2.370 persoas sen emprego, cun investimento de máis de 10,6  millóns de euros e na comarca do Barbanza están aprobados 35 cursos de AFD e 5  obradoiros de emprego e 2 plans integrados de emprego que formarán 820 persoas sen emprego, cun investimento de 4,6 millóns de euros

 

Cursos AFD

 “A convocatoria deste ano para os cursos AFD pon o acento en temáticas con maior demanda ou perspectivas de emprego, con prioridade para contidos relacionados coa industria 4.0, competencias dixitais e áreas que demandan man de obra como a soldadura, servizos administrativos, xestión comercial ou deseño de caldeiraría e estruturas metálicas”, puntualizou Gonzalo Trenor aos adxudicatarios deste cursos nesta nova convocatoria.

 

Tamén porá o foco en competencias clave ou especialidades para obter certificados de profesionalidade. Ademais ofrece como novidade, un módulo transversal de formación en prevención de riscos laborais que capacitará ás persoas participantes para o desempeño de funcións de nivel básico neste eido.

 

Colectivos prioritarios

Nos cursos son colectivo prioritario as persoas afectadas por ERTE, así como as galegas e os galegos con discapacidade física, psíquica ou sensorial. Poden tomar parte nestas accións -cun tope do 30% de participación- persoas traballadoras ocupadas sempre que as prazas non se cubran con desempregados.

 

No conxunto de Galicia, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financiará con 49,7 M€ un total de 1.063 accións que impartirán en 2022 e 2023 en centros ou entidades de formación acreditados coa finalidade de mellorar a cualificación de máis de 16.000 persoas desempregadas.

 

Durante este ano e 2023 o Goberno galego está a apoiar a celebración de 335 cursos (16,4M€) en entidades da provincia da Coruña.

 

Máis de 5.300 cursos desde 2014

Desde o ano 2014 a Xunta leva financiadas por valor de case 253 millóns de euros, un total de 5.374 cursos nos que tomaron parte preto de 67.000 persoas. A media de inserción durante ese tempo acadou o 60%, co que 6 de cada 10 participantes nestas accións formativas para desempregados conseguen a súa meta de obter un contrato no mercado laboral.

 

O programa, financiado con fondo finalistas do Ministerio de Educación e Formación Profesional, enmárcase no Plan galego de Formación para o Emprego, dotado para o presente ano con 117 millóns de euros, o que supón máis do 77% con respecto ao exercicio anterior.

 
Este conxunto de actuacións insírese nun dos obxectivos que está a desenvolver a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no marco da estratexia Xempre Contigo: o de mellorar o índice de empregabilidade e estabilidade das galegas e os galegos. “A Xunta quixo primar na actual convocatoria as accións formativas que tratan de anticipar a formación ao novo modelo produtivo, coa mirada posta nos sectores máis innovadores e a oferta formativa dirixida a persoas desempregadas con baixa cualificación”, explicou Trenor.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/11/2022