Galicia senta as bases para impulsar a cadea de valor do hidróxeno verde e xerar pegada industrial

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde na reunión previa para a constitución da Alianza industrial do hidróxeno verde

Avanza que se inicia un período de consultas para recabar os apoios necesarios que permitan a Galicia dispor dun ecosistema máis completo e diversificado neste eido

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta tarde en Santiago de Compostela nunha reunión previa para a constitución da Alianza industrial do hidróxeno verde. Tal e como explicou, supón sentar as bases para que Galicia poida mobilizar toda a capacidade instalada arredor do hidróxeno verde co obxectivo de impulsar a cadea de valor e xerar pegada industrial.

 

Na reunión, ademais da Xunta, estiveron representantes da Asociación Galega do Hidróxeno, as autoridades portuarias da Coruña, Vigo e Ferrol, Atiga, Cluergal, Asime, Ceaga, Aclunaga, o Clúster da Función Loxística e as tres universidades públicas.

 

Esta alianza permitirá promover proxectos xeradores desta enerxía renovable a través da colaboración público-privada, pero tamén o deseño e posta en marcha de instrumentos de apoio específicos -no que os fondos europeos terán un papel destacado-, a identificación de oportunidades, o impulso da formación en empresas, o fomento da investigación e mesmo a disposición da infraestrutura necesaria para a execución dun corredor atlántico do hidróxeno verde.

 

Segundo avanzou Conde, iníciase un proceso de consultas para recabar os apoios necesarios que poñan en marcha esta alianza e conseguir que Galicia dispoña dun ecosistema máis completo e diversificado neste ámbito.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/11/2022