O Premio Otero Pedrayo 2022 recoñece a traxectoria do investigador e xenetista Ángel Carracedo

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participa na entrega desta distinción convocada pola Xunta e as catro deputacións provinciais desde 1977

Está é a primeira vez que o galardón máis lonxevo de Galicia homenaxea unha carreira centrada na investigación médica e científica

A Coruña, 24 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña na entrega do Premio Otero Pedrayo 2022 que, nesta edición, recaeu no investigador e catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela Ángel Carracedo.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou que por primeira vez o xurado, composto por representantes da Xunta de Galicia, das catro deputacións provinciais, das universidades galegas, da Real Academia Galega, do Instituto Padre Sarmiento e da Fundación Otero Pedrayo, recoñece unha carreira centrada na investigación médica e científica. “O impresionante currículum científico e os logros profesionais de Ángel Carracedo fan que un profesional deste tipo sexa galardoado por primeira vez nos premios máis lonxevos de Galicia”, afirmou.

 

Así mesmo, Valentín García subliñou “a defensa de Ángel Carracedo do noso idioma como lingua válida de expresión en todos os ámbitos e, particularmente, no da divulgación científica, así como o seu compromiso coas novas xeracións para as que sempre atopa tempo e nas que sempre depositou a súa confianza”.

 

Unha vida dedicada á investigación médica

Ángel Carracedo Álvarez (Santa Comba, 12 de novembro de 1955) é catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela desde 1989, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica desde 1997 e director do Centro Nacional de Genotipado-ISCIII desde 2002.

 

Recoñecido xenetista internacional, ocupa desde 1994 a dirección do Instituto de Medicina Legal da USC, ademais da Vicepresidencia da Academia Internacional de Medicina Legal e a Presidencia da Internacional Society for Forensic Genetics.

 

As súas investigacións, centradas na xenética do cancro, as enfermidades psiquiátricas en idade infantil, as doenzas raras e a farmacoxenómica, convertérono en gañador do Premio Otero Pedrayo, outorgado por primeira vez a un investigador científico.

 

Premio Otero Pedrayo

O Premio Otero Pedrayo está promovido polo Goberno galego e as catro deputacións provinciais. O galardón, que actualmente está dotado con 16.000 €, instaurouse en 1977 e ten como obxectivo perpetuar a memoria de Ramón Otero Pedrayo, recoñecer a contribución á cultura de persoas e entidades no campo das letras e do coñecemento e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

Data de actualización: 24/11/2022