O conselleiro de Sanidade remarca as medidas postas en marcha pola Xunta para buscar solucións á falla de médicos

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, Julio García Comesaña, participou no acto de inauguración das VI Xornadas de Coidados Quirónsalud

A Coruña, 24 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, interveu hoxe no acto de inauguración das VI Xornadas de Coidados Quirónsalud, que tivo lugar no Palacio de Exposicións e Congresos, e no que se falou do diagnóstico sobre a sanidade en España. Neste foro, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego puxo de manifesto que o problema máis grave que afecta a toda a sanidade actualmente é a falla de facultativos médicos. Para buscar solucións a este problema en Galicia, a Xunta está a levar a cabo diversas medidas de actuación encamiñadas a un cambio de modelo.

Entre as medidas postas en marcha polo Goberno galego, o conselleiro citou a implantación do XIDE, Xestión Integral da Demanda en Equipo, iniciativa que permite optimizar e regular a accesibilidade das citas en primaria. Unha das partes máis importantes do desenvolvemento deste proxecto é en relación á incorporación de novas categorías de profesionais para recibir citas directamente solicitadas por parte da poboación. O XIDE, -proseguiu Comesaña-, está xa implantado en máis de 120 centros de saúde que atenden a máis do 40% da poboación galega.

Complementariamente ao XIDE, o conselleiro dixo que a Xunta está a realizar unha segunda liña de medidas, entre as que citou a ampliación das capacidades de categorías como a enfermería ou a farmacia de atención primaria, dando cumprimento aos mandatos do Parlamento de Galicia. Ao respecto disto, un primeiro exemplo foi atribuír á enfermería de primaria o seguimento dos pacientes con tratamentos anticoagulantes orais, grazas ao que se liberaron máis de 100.000 ocos nas axendas do persoal médico.

No que respecta aos farmacéuticos de primaria, o conselleiro remarcou que se trata dunha categoría que o Servizo Galego de Saúde aumentou este ano ata os 100 efectivos. O resultado é que, no que vai de ano, todo o persoal farmacéutico incorporado ao Sergas resolveu máis de 100.000 consultas de renovación de receitas.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 24/11/2022