Lorenzana sinala que a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego impulsará a retención do talento ao crear unha contorna de aprendizaxe permanente

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade participou hoxe en Santiago de Compostela na inauguración do Foro Talentia Summit ‘22
 

Avogou pola flexibilidade, a conciliación e os modelos híbridos, como valores engadidos para as novas xeracións, co fin de atraer e reter talento en Galicia
 

Sinalou a importancia da cualificación para o emprego que a Xunta impulsará en 2023 con 104 millóns de euros a través do Plan galego de formación

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2022 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe en Santiago de Compostela -na inauguración do Foro Talentia Summit ’22- que a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego da Xunta supón “un impulso pioneiro e sen precedentes” na cualificación das galegas e galegos que permitirá a retención e captación do talento en Galicia.

 

En palabras de Lorenzana, o documento é “un gran pacto polas capacidades” que se puxo en marcha a través da colaboración público privada  para crear e manter unha contorna de aprendizaxe permanente na que actualizar as competencias profesionais das persoas traballadoras en función das novas tendencias e necesidades do mercado laboral.

 

O obxectivo da Axenda é dotar aos traballadores e traballadoras de formación, recursos e ferramentas que os preparen para os cambios que están acontecendo no mercado de traballo e dotar ás empresas dun capital humano comprometido e satisfeito coa organización da que forma parte.

 

No marco desta planificación, a Xunta destinará en 2023 máis de 104 millóns de euros no novo Plan galego de formación para o emprego con accións específicas para as persoas traballadoras ocupadas e para as que se atopan en situación de desemprego. O Plan, entre outros programas, inclúe as novas convocatorias das Unidades Formativas na Empresa, unha iniciativa que estará dotada o vindeiro ano con 5,7 millóns para financiar o 100% da formación das e dos participantes, permitindo atender as demandas reais do tecido produtivo galego.

 

A conselleira, ademais de poñer en valor a formación na súa intervención, destacou que as políticas activas de emprego que está a desenvolver a Xunta tamén están focalizadas a mellorar o emparellamento entre a oferta de empregos e a demanda de traballadores. Ao respecto, lembrou que o Goberno galego está a desenvolver “unha ambiciosa estratexia” de renovación integral do Servizo de Emprego de Galicia mediante unha nova ferramenta tecnolóxica que emprega big data, business intelligent e intelixencia artificial, sincronizando información en tempo real. Para levar a cabo esta modernización estase a implicar ao tecido empresarial para que envorquen as súas vacantes de emprego no sistema de intermediación autonómico.

 

Lorenzana, así mesmo, avogou para atraer e reter o talento en Galicia pola flexibilidade, a conciliación e os modelos híbridos, como valores engadidos para as novas xeracións.

 

Tanto o impulso á formación como a modernización do Servizo de Emprego de Galicia forman parte de Xempre Contigo, a nova Estratexia de emprego da Xunta coa que, en palabras da conselleira, se aposta por “un mercado laboral máis interconectado, formado, accesible e dinámico, artellado en base á colaboración entre administración pública e entidades privadas para a mellora das capacidades dos equipos humanos e do benestar laboral”. Para rematar, Lorenzana salientou que o reto último é acadar unha empresa do futuro que, tal e como especificou, será aquela que “consiga situar ás persoas no centro das súas estratexias”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/11/2022