O presidente da Xunta inaugura unha mostra itinerante, con pezas da colección de arte do Parlamento, na sede de Afundación en Vigo

Rueda convida a visitar a exposición 'A Nosa Arte' que percorrerá as principais cidades galegas e que é unha radiografía artística do feito de ser galegos

A mostra ofrece unha escolma das máis de 300 pezas que compoñen a colección de arte contemporánea do Parlamento de Galicia
 

Inclúe pezas de Urbano Lugrís, Laxeiro, Abelenda, Menchu Lamas ou Luis Seoane

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe en Vigo a exposición A Nosa Arte na que poderá verse unha escolma da colección de arte contemporánea do Parlamento de Galicia ata febreiro de 2023 e que percorrerá as principais cidades da comunidade. O titular do Goberno galego animou a todos os galegos a visitar esta mostra itinerante xa que é unha radiografía do feito de ser galegos e da evolución e transformación de Galicia a través de obras do século XX e XXI.

 

O Parlamento de Galicia conta cunha ampla colección de arte na que se inclúen máis de 300 pezas -pinturas, escultura, gravados e fotografía- de artistas como Urbano Lugrís, Colmeiro, Menchu Lamas, Antón Pulido, Abelenda, Laxeiro, Luis Seoane ou Mercedes Ruibal. Co obxectivo de achegar este patrimonio artístico á cidadanía, o Parlamento -en colaboración coa Xunta- pon en marcha esta exposición itinerante que tras Vigo poderá visitarse en Ferrol, Ourense, Lugo, A Coruña e Pontevedra.

 
O presidente da Xunta resaltou a importancia desta exposición para que os galegos poidan facer un percorrido polas últimas catro décadas da comunidade da man da diferentes pezas que compoñen a mostra.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/11/2022