A Xunta colaborará na próxima edición do Rally da Auga que percorrerá os concellos da comarca de Ordes ao mudar de localización ata 2025

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, participou na presentación desta proba que puntúa para a Copa de España de Rallys de Terra
 

Destacou a importancia da competición na promoción dos concellos que atravesa e de Galicia como destino preferente para o turismo deportivo

Compartir
  • whatsapp

Ordes (A Coruña), 25 de novembro de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta mañá na presentación do Rally da Auga que acollerá a comarca de Ordes o próximo ano. A proba, que puntúa para a Copa de España de Rallys de Terra, muda de localización e despois de celebrarse desde 2017 na comarca de Arzúa trasladarase nos tres próximos anos á comarca de Ordes. Por iso, ata 2025 percorrerá os concellos de Ordes, Cerceda, Frades, Mesía, Oroso, Tordoia e Trazo.

 

A comarca de Ordes converterase no epicentro do motor mantendo a súa esencia con tramos duros e espectaculares. A Xunta colabora na organización deste evento e, nesta liña, Diego Calvo, puxo en valor o traballo dos organizadores, xunto coa implicación das institucións, dos patrocinadores e tamén das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias para garantir un espectáculo seguro. Ademais, a participación de pilotos e copilotos de referencia -asegurou- contribuirá a que este rally se converta nun polo de atracción turística durante as xornadas de competición.

 

O vicepresidente segundo da Xunta incidiu no compromiso do Goberno galego co deporte de motor a través de distintas liñas de axudas e no peso que ten Galicia no automobilismo español ao acoller varias probas do calendario nacional, tanto en terra como este Rally da Auga, como en asfalto.

 

O Goberno galego incide na capacidade da carreira para axudar a transmitir os valores do deporte do motor e, ao mesmo tempo, situar Galicia como destino preferente para o turismo deportivo acollendo eventos de primeiro nivel. Deste xeito, o rally da Auga contribuirá á promoción turística dos concellos que atravesa e unha importante fonte de ingresos ao atraer a turistas e afeccionados ao deporte.

 

 

Diego Calvo engadiu que o deporte funciona como polo de atracción turística e probas como este rally, que se vén celebrando de forma ininterrompida desde 2014, constatan que a unión entre o deporte e o turismo é unha combinación gañadora. Como asegurou hoxe na presentación do evento o vicepresidente segundo, o rally da Auga será un escaparate perfecto para dar a coñecer a comarca de Ordes. “Galicia ten as mellores paisaxes de fondo para competicións deportivas de todas as disciplinas como desfrutar do mellor automobilismo”, sinalou.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/11/2022