A Axega e a Autoridade Portuaria de Marín avanzan no seu compromiso de asistencia recíproca cunha acción formativa

Os membros de seguridade da Autoridade Portuaria coñecerán durante dous días o sistema galego de atención ás chamadas de emerxencia no 112 Galicia
 

A actividade realízase no marco dun convenio de colaboración para a mellora da comunicación bilateral e a elaboración de protocolos de actuación

Compartir
  • whatsapp

A Estrada (Pontevedra), 25 de novembro de 2022 A Axencia Galega de Emerxencias (Axega) e a Autoridade Portuaria de Marín avanzan no compromiso de mellorar a comunicación bilateral e a asistencia recíproca en situacións extremas, coa celebración dunha acción formativa. A actividade desenvolverase durante dous días no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia.

 

Deste xeito, durante as xornadas de hoxe e do vindeiro luns, integrantes de ambos os dous organismos, así como persoal de atención e formación do 112 Galicia, manterán senllas reunións de traballo co fin de coñecer e valorar os protocolos de actuación vixentes.

 

Avánzase así no compromiso adquirido mediante un convenio de colaboración e cuxa finalidade é lograr a eficiencia e eficacia na coordinación e cooperación ante unha situación crítica.

 

Cómpre indicar que o acordo asinado recolle a vontade das institucións por dispor os medios e recursos, tanto materiais como humanos, necesarios para facer fronte a unha situación de extrema gravidade que se produza no campo de actuación da Autoridade Portuaria.

 

 

Tamén se concordou realizar actividades que, coma esta, contribúan a mellorar o intercambio de información e o correcto funcionamento dos protocolos de actuación e plans de protección.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/11/2022