O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, inaugurou esta mañá en Mabegondo unha xornada técnica acerca deste tema

A Xunta informa aos gandeiros das boas prácticas na xestión do xurro para mellorar a sustentabilidade das explotacións

O obxectivo desta xornada, dirixida especialmente ás explotacións de vacún, é fomentar prácticas de xestión de xurro acordes ás novas normativas vixentes

Ademais, tamén busca incrementar a competitividade das explotacións e unha menor dependencia de fertilizantes naturais
 

Abegondo (A Coruña), 25 de novembro de 2022.
Compartir
  • whatsapp

- O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, inaugurou esta mañá no salón de actos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) unha xornada sobre boas prácticas na xestión do xurro para mellorar a sustentabilidade das explotacións. Na súa intervención, o director destacou a importancia dunha formación coma esta ante os novos requisitos medioambientais para o coidado do solo e a xestión dos residuos co fin de outorgar as ferramentas necesarias para analizar o necesario equilibrio entre o coidado do medio e a fertilización como elemento de competitividade e sustentabilidade nas explotacións.

 

Nesa liña, cabe destacar iniciativas como o centro para o impulso da economía circular, que contará cun sistema de xestión integral dos xurros excedentarios, entre outros, e que permitirá a produción de fertilizantes e biometano. Esta iniciativa inclúese dentro do Polo para a transformación de Galicia, optando así, no marco da candidatura da Xunta, aos fondos europeos Next Generation.

 

A formación de hoxe, que está dirixida especialmente a gandeiros de vacún, ten previstas varias charlas nas que se abordarán temas como o cálculo das necesidades de nutrientes dos cultivos forraxeiros ou as posibilidades de redución da pegada de carbono en explotacións de leite, entre outras accións. Tamén se exporán os resultados da investigación no CIAM sobre a fertilización de cultivos forraxeiros con xurros. Para finalizar, haberá unha mesa redonda acerca da normativa medioambiental, a Política Agraria Común (PAC) e a xestión de xurros.

 

Deste xeito, o obxectivo da formación é fomentar prácticas de xestión de xurro conforme á normativa vixente. Ademais, tamén busca incrementar a competitividade das explotacións e unha menor dependencia de fertilizantes naturais.

 

A xornada está realizada no marco do Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2022, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/11/2022