A Xunta somete a información pública a 2ª fase do proxecto de humanización da avenida de Galicia, en Vigo, que favorecerá a mobilidade sostible e reforzará as prazas de aparcadoiro

A actuación, no treito entre o límite municipal co municipio de Redondela e o IES de Teis, suporá un investimento da Xunta de preto de 4 M€

A intervención permitirá a protección de peóns nesta vía de acceso á cidade a través do fomento da mobilidade segura e sostible, facilitando o acceso á vía verde que discorre paralela á estrada PO-323

A obra inclúe a execución de pasos peonís sobreelevados nas interseccións, que permitan a interconexión con outros itinerarios peonís

Habilitaranse 200 prazas novas de aparcadoiro en tres áreas de estacionamento, ao suprimir as existentes para a implantación dunha senda mixta pola marxe dereita e beirarrúas pola esquerda

Este proxecto súmase á 1ª fase, que comezará a vindeira primavera, cun orzamento de 2,5 M€ para reforzar a seguridade viaria e mellorar a accesibilidade nesta zona
 

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A Xunta iniciou o trámite de información pública da segunda fase do proxecto de humanización da avenida de Galicia, na estrada PO-323, no concello de Vigo, que favorecerá a mobilidade sostible e reforzará as prazas de aparcadoiros.

 

As persoas interesadas en achegar suxestións terán un prazo de trinta días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia, que foi este pasado mércores, día 23 de novembro. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://cutt.ly/zM4wiMO

 

A actuación nesta vía de entrada na cidade levarase a cabo no treito comprendido entre o límite municipal co municipio de Redondela ata o IES de Teis e suporá un investimento da Xunta de preto de 4 millóns de euros.

 

Esta intervención permitirá a protección de peóns nesta vía de acceso á cidade con características moi urbanas.

 

Ademais, o proxecto promove o fomento da mobilidade segura e sostible, así como a mellora da comunicación interna na cidade de Vigo, para o que se realizarán conexións transversais coa vía verde que discorre paralela á estrada PO-323.

 

A obra inclúe tamén a reposición de pavimento dos itinerarios existentes ou a execución de pasos peonís sobreelevados nas interseccións, que permitan a interconexión con outros itinerarios peonís.

 

Reforzo dos aparcadoiros

O proxecto recolle a habilitación de 200 prazas novas de aparcadoiro nas tres áreas de estacionamento: unha entre os puntos quilométricos 2+747 e 2+850; outra entre o 2+984 e 3+094; e outra entre o 3+052 e 3+132.

 

Para acadar estes espazos de estacionamento, prescindirase de 150 prazas de aparcadoiros para a implantación da senda mixta pola marxe dereita e beirarrúas accesibles pola esquerda.

 

1ª fase

Cómpre lembrar que a Xunta xa publicou o 21 de outubro no Diario Oficial de Galicia a aprobación da primeira fase do proxecto da humanización da avenida de Galicia en Teis, no concello de Vigo, que supón un investimento autonómico de preto de 2,5 M€.

 

A previsión da Xunta é licitar as obras neste último trimestre do ano, para comezalas na primavera de 2023, dispoñendo para iso do investimento necesario nos Orzamentos de 2023.

 

Os traballos desenvolveranse nun treito de 500 metros no que se ampliarán as beirarrúas, se mellorará a accesibilidade e se reforzará a seguridade viaria, con medidas de calmado do tráfico.

Data de actualización: 26/11/2022