O director da Axencia Galega da Industria Forestal e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural responderon diversas preguntas na Comisión 7ª

O inventario forestal continuo de Galicia dará a coñecer a cantidade de madeira dispoñible nos nosos montes e a súa calidade

Jacobo Aboal lembrou que está dispoñible unha nova páxina web que inclúe un visor cartográfico e un centro de descargas con todos os datos capturados polas parcelas de inventariación ata o momento

Puxo en valor que os novos mapas de usos e especies forestais de media e alta resolución do distrito XIV Verín-Viana amosan unha suba da superficie ocupada por especies de frondosas caducifolias

Pola súa parte, Inés Santé deu conta dos obxectivos que contempla o estudo de iniciación da reestruturación parcelaria da zona de Rairiz de Veiga, o cal aposta pola gandaría en extensivo
 

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, informou esta mañá na Comisión 7ª do Parlamento dos primeiros resultados do Inventario Forestal Continuo de Galicia e avanzou os pasos a seguir nos vindeiros meses. Neste senso, indicou que a través deste inventario o sector forestal poderá non só coñecer a cantidade de madeira rexistrada nos nosos montes senón tamén a súa calidade. Explicou que nos próximos meses do ano 2023 Galicia contará cun mapa forestal preciso que recollerá a superficie total forestal presente na nosa comunidade e repartida por formacións específicas .

 

Durante a súa exposición, o director lembrou que os primeiros resultados deste Inventario Forestal Continuo de Galicia xa están dispoñibles para o público nun novo portal web, realizado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Trátase dunha páxina moi completa, onde se pode acceder a un visor cartográfico para a súa consulta ou a un centro que permite descargar diversos datos. Nese senso, puxo en valor os novos mapas de usos e especies forestais de media e alta resolución do distrito XIV Verín-Viana, onde os resultados acadados amosan unha suba da superficie ocupada por especies de frondosas caducifolias.

 

Esta web enmárcase no convenio de colaboración asinado pola Consellería do Medio Rural e as universidades de Santiago de Compostela (USC) e Vigo (UVigo) en 2020, de cara ao desenvolvemento do referido Inventario Forestal Continuo. Nesa liña de colaboración, estanse a elaborar de xeito continuado resultados en forma de mapas e de datos provenientes das parcelas de inventariación que están a recoller as brigadas da empresa pública Seaga baixo os protocolos establecidos polas universidades galegas, e que serán os que se irán reflectindo na páxina web que se vén de estrear.

 

Cabe lembrar que no ano 2018 o Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia sinalaba que era necesario crear un “Sistema de Información e Estatística Forestal de Galicia, como mecanismo que permitise facer diagnoses adecuadas e ser unha ferramenta esencial para a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector forestal.”

 

Comezados os traballos do Inventario Forestal Continuo, a Consellería do Medio Rural dirixiuse -en cooperación coas universidades galegas- ás entidades que compoñen o Consello Forestal de Galicia para trasladarlles unha enquisa electrónica co fin de coñecer as solucións ou requirimentos técnicos que as organizacións, asociacións e entidades involucradas no sector forestal galego desexaban que incorporase o Inventario. Logo deste proceso inicial de escoita, acádanse xa máis de dous anos de traballos para dar resposta ás demandas establecidas polo Consello Forestal de Galicia.

 

Parcelaria Rairiz de Veiga

Pola súa parte, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, deu conta dos obxectivos do estudo de iniciación da reestruturación parcelaria da zona de Rairiz de Veiga, no concello ourensán homónimo. Así, salientou que dito documento ten un carácter previo e serve como ferramenta de decisión para comezar, ou non, un proceso de concentración.

 

Neste senso, Inés Santé destacou que o obxectivo da reestruturación parcelaria é mellorar a estrutura da base territorial das explotacións, así como facilitarlles o acceso a terra a estas explotacións. Este acceso á terra, e a posibilidade de ampliar a base territorial das explotacións, é a condición imprescindible e o único modo no que as granxas poden extensificar a súa actividade, matizou a directora xeral.

 

Polo tanto, Santé incidiu en que este estudo previo -sometido a información pública durante un mes- contempla a potencialidade da zona para a orientación produtiva de vacún de carne en extensivo e exclúe preto de 400 hectáreas situadas en áreas de maior sensibilidade ambiental.

 

De feito, a directora xeral lembrou que a Consellería do Medio Rural aposta polo desenvolvemento dunha actividade agraria sustentable económica e ambientalmente na comarca da Limia. Neste senso, puxo en valor o Plan estratéxico do sector agrario da Limia, o cal incide na reorientación da produción agraria desta bisbarra ourensá cara a un modelo máis sustentable, reducindo a contaminación de augas e solos e fomentando unha produción extensiva, ecolóxica e de calidade diferenciada.

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 25/11/2022