O Comité de Seguimento do FEDER celebra en Santiago a súa primeira reunión presencial tras a pandemia

Os membros do comité analizaron os desafíos aos que se enfrontaron a UE, os países membros e as comunidades para dar unha rápida resposta á pandemia, flexibilizando a utilización dos fondos da política de cohesión

No encontro analizouse o informe de execución correspondente ao ano 2021

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O Comité de Seguimento do Programa Operativo de FEDER Galicia 2014-2020 celebrou esta semana en Santiago a súa primeira reunión presencial tras a pandemia. Unha xuntanza marcada pola análise dos desafíos aos que tiveron que enfrontarse a UE, os países membros e as comunidades autónomas para dar unha rápida resposta á pandemia, flexibilizando a utilización dos fondos da política de cohesión.

Ángel Tarrío, director xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública, presidiu unha reunión na que estiveron presentes representantes do Ministerio de Facenda e da Comisión Europea e na que tamén participaron representantes das organizacións económicas e sociais con máis representatividade en Galicia. No encontro analizouse o informe de execución correspondente ao ano 2021.

Neste marco, no 2021 concedéronse axudas no sector da investigación e a innovación que conseguiron mobilizar máis de 13 M€ do sector privado, demostrando a importancia da colaboración público-privada para acadar os mellores resultados. Tamén quedou patente a importancia dos fondos comunitarios para combater a pandemia na súa etapa máis crucial. Destacan os 35 M€ destinados a adquirir material sanitario de primeira necesidade.

 

No que se refire ao uso e calidade das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) e o acceso ás mesmas, desde o inicio do programa operativo, máis de 380.000 persoas poden relacionarse na súa vida cotiá cos servizos públicos por medios dixitais. A cobertura electrónica en centros educativos chegou xa, ao peche de 2021, a máis de 186.000 estudantes.

 

Para unha mellor conservación do medio ambiente realizáronse unha serie de obras para mellorar a eficiencia enerxética de edificios públicos e de edificios pertencentes a empresas para reducir o consumo de enerxía e a emisión de gases de efecto invernadoiro. Durante 2021 construíronse tamén máis de 16 quilómetros de sendas para ir a pé ou en bicicleta, o que permitiu diminuír a utilización de vehículos contaminantes e contribuír a un estilo de vida máis saudable.

 

Tamén se reforzaron distintas infraestruturas educativas en Galicia, potenciando o equipamento e as prestacións de centros educativos de todos os niveis, con capacidade para máis de 5.500 estudantes. Destas actuacións estanse beneficiando xa os usuarios das casas niño no rural ou o alumnado de primaria e secundaria, niveis nos que se construíron novos centros para satisfacer as necesidades existentes.

 
 
 
 

O Comité, por outra banda, coñeceu as previsións para a próxima aprobación do Programa Operativo para o novo período 2021-2027 e o deseño do sistema de xestión e control. FEDER - “Unha maneira de facer Europa”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/11/2022