O conselleiro do Medio Rural participou por videoconferencia na Sectorial de Medio Ambiente na que se abordou esta temática

A Xunta reclama ao Goberno central máis tempo e un enfoque máis participativo cara ás autonomías e cara ao sector na planificación forestal estatal

José González pediu a Madrid que corrixa os prazos e a orientación dos trámites da Estratexia forestal española, o Plan forestal estatal e as directrices básicas da ordenación forestal
 

Trasladou a súa desconformidade polo fondo e -especialmente- pola forma na que se está desenvolvendo este proceso, nun ámbito no que Galicia é potencia a nivel nacional xa que, entre outras cousas, produce o 54 % da madeira de toda España

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2022 A Xunta reclama ao Goberno central que corrixa os tempos e o enfoque da tramitación da Estratexia forestal española, o Plan forestal estatal e as directrices básicas da ordenación forestal. Así o manifestou o conselleiro do Medio Rural, José González, na súa participación, por videoconferencia, na última Conferencia sectorial de Medio Ambiente que abordou estas cuestións.

 

González trasladou a desconformidade do Goberno galego polo fondo e -especialmente- pola forma na que se está desenvolvendo este proceso, nun ámbito, como o forestal, no que Galicia é potencia a nivel nacional. Neste sentido, o conselleiro lembrou que a nosa comunidade produce o 54 % da madeira de toda España e que dispón do 28 % das existencias de madeira, entre outras cifras significativas do seu peso neste eido produtivo.

 

Por iso, o titular de Medio Rural demandou a Madrid que se teña máis tempo para afondar nas achegas feitas pola nosa comunidade e polo resto das autonomías e que se amplíen tamén os prazos para que estes territorios poidan estudar os documentos definitivos en profundidade e mesmo analizalos cos sectores forestais autonómicos.

 

Así, lamentou que se remitira a amplísima documentación ao respecto con tan só unhas horas de antelación á celebración da devandita Conferencia sectorial e pediu que se avance en grupos de traballo técnicos antes de elevar un asunto tan complexo e importante a un órgano de decisión política, como é a Sectorial. Ao tempo, Galicia reclama que se teña máis en conta ao sector nas deliberacións, e máis cando se trata de documentos de planificación a medio e longo prazo (que abranguen ata o 2050).

 

Mellora da fiscalidade

Entre as cuestións concretas nas que cómpre incidir, a xuízo da Xunta, están a necesidade de mellorar a fiscalidade, unha competencia claramente estatal que segundo o Goberno galego limita e dificulta calquera medida para o fomento do asociacionismo que poidan impulsar as comunidades autónomas e algo, ademais, reiteradamente solicitado polo sector.

 

Tamén, no eido normativo, Galicia avoga por unha lei da propiedade forestal privada a nivel nacional, que regule o asociacionismo, a loita contra o abandono ou a propia fiscalidade, entre outras cuestións. Así mesmo, en relación cos incendios forestais, a Xunta considera que é indispensable traballar para mellorar a xestión de temas coma os grandes incendios forestais (aqueles que superan as 500 hectáreas de superficie afectada).

 
A maiores, a Xunta demanda potenciar as liñas que fortalezan a xestión forestal activa das masas existentes, sen renunciar a ampliar as superficies arboradas, e require que se dea un maior papel protagonista a esta cuestión, como elemento clave para acadar os obxectivos que se perseguen coa Estratexia forestal española. Así mesmo, o Goberno galego lamenta que cuestións tan importantes como as necesidades reais de madeira, a balanza comercial neste eido ou as tendencias futuras queden “difuminadas” ao longo da Estratexia e tamén do Plan Forestal Estatal.

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 25/11/2022