Luis López salienta que a Xunta destinará 360 M€ á Axenda Industrial en 2023 no acto do oitavo aniversario do 'BNI PTV Milenium' de Pontevedra

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, explica que a Consellería de Economía, Industria e Innovación elevará os seus orzamentos nun 12% para seguir favorecendo o crecemento industrial e económico da comunidade

O representante autonómico traslada os parabéns ao grupo de networking da cidade, presidido por Manuel González Sanchidrián, por apostar sostidamente polo apoio e intercambio dos axentes económicos para acadar o crecemento comercial

Destaca que Galicia atópase en cifras récord de exportacións, con máis de 22.000 M€ ata setembro tras medrar un 30%, e contrapón a balanza comercial positiva en 2.200 M€ cos datos negativos do conxunto de España en ata 53.000 M€

Pontevedra, 25 de novembro de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, revelou que o Goberno galego destinará ata 360 millóns de euros para o desenvolvemento da axenda industrial e empresarial durante o vindeiro ano 2023, segundo se recolle no proxecto autonómico de orzamentos, durante o acto de celebración do oitavo aniversario do grupo de networking BNI PTV Milenium de Pontevedra, celebrado esta noite no Liceo Casino da Caeira.

O representante autonómico explicou, durante a súa intervención, que o crecemento económico que está a experimentar Galicia nos últimos anos “débese indiscutiblemente ao traballo, enxeño, calidade no produto, innovación e valentía dos empresarios, principalmente das pemes e dos autónomos” e recalcou que esta sinerxia está acompañada cada exercicio por un apoio crecente da Xunta de Galicia.

Así, indicou que os orzamentos da Consellería de Economía, Industria e Innovación medrarán nun 12% o próximo ano, cun forte peso das liñas de axudas e outras cuestións vencelladas ás empresas para avanzar en dixitalización, innovación, internacionalización ou ampliacións, entre moitas outras cuestións.

Neste punto, Luis López puxo en valor as cifras das exportacións, que é un dos grandes indicadores da fortaleza empresarial, revelando que a comunidade superou os 22.000 millóns de euros nos nove primeiros meses do ano, o que supón un crecemento do 30% con respecto ao mesmo período de 2021, que xa foi un exercicio récord neste eido e no que Galicia, cun peso principal da provincia de Pontevedra, sitouse entre as comunidades máis exportadoras de España.

Ademais, engadiu que, no que vai de ano, o comportamento das vendas ao exterior de Galicia arroxa unha balanza comercial positiva en 2.200 millóns de euros, algo que se contrapón co que sucede no conxunto de España, onde é negativa en 53.000 millóns ao producirse moitas máis importacións.

Por outra banda, o delegado territorial tamén trasladou os parabéns ao grupo BNI PTV Milenium, co seu presidente Manuel González Sanchidrián á cabeza, “por alcanzar este oitavo aniversario cun traballo continuado que se basea, acertadamente e de xeito sostido, no apoio, o intercambio e a colaboración de todos os axentes económicos e empresariais para acadar o crecemento comercial e favorecer a xeración de riqueza e emprego”.

“Sodes un exemplo polo modelo colaborativo, coa participación de máis de trinta empresas, e porque as pemes, xunto cos autónomos, sodes as grandes mobilizadoras da economía e do emprego e constituides un modelo de negocio de éxito, posto que desenvolvedes unha economía de proximidade que emite unhas grandes sinerxias no propio territorio, polo que sempre poderedes contar co apoio e acompañamento da Xunta de Galicia”, concluíu o representante autonómico.