O programa Mentoring da Xunta apoia a 220 autónomos na adaptación ou transformación dos seus negocios

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Economía Social e Traballo Autónomo, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago nun encontro cos participantes no que se intercambiaron experiencias e avaliaron posibles colaboracións

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, en colaboración coa Fundación Ronsel, desenvolve esta iniciativa na que un mentor acompaña a cada persoa autónoma para asesorarlle ante as novas necesidades do mercado e a situación actual

A Xunta activará en 2023 o novo programa Impacto autónomo que ofrecerá aos traballadores por conta propia axudas medias de 1.200 euros para facer fronte ao actual contexto socioeconómico

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Economía Social e Traballo Autónomo, Covadonga Toca, tomou parte hoxe en Santiago de Compostela nun encontro entre os participantes do programa Mentoring Traballo Autónomo, unha iniciativa que desenvolve a Xunta, en colaboración coa Fundación Ronsel, para axudar ás persoas traballadoras autónomas de Galicia na adaptación ou transformación dos seus negocios ás novas necesidades do mercado e a situación actual.

 

Coa iniciativa apóiase a 220 persoas traballadoras que contan cada un deles cun mentor que lles asesora ante as novas necesidades do mercado e a situación actual. Entre as actividades que ofrece o programa destacan obradoiros de formación e a celebración de encontros como o de hoxe no que os asistentes intercambiaron experiencias e avaliaron posibles colaboracións. Así mesmo, a iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inclúe actividades para incrementar os contactos profesionais de cada autónomo.

 

Apoiar a consolidación da actividade económica das persoas traballadoras autónomas, acompañalas na adaptación ou transformación dos seus negocios ás necesidades de mercado e a situación actual, e contribuír, mediante melloras nas áreas de xestión e outras, ao incremento dos seus contactos profesionais e a súa actividade económica é, en palabras de Toca, o reto desta iniciativa autonómica.

 

O colectivo dos autónomos é prioritario para a Administración autonómica ao que destinará en 2023 un total de 30 millóns de euros para poñer en marcha o novo programa Impacto autónomo que con axudas directas medias de 1.200 euros pretende apoiar a unhas 25.000 persoas traballadoras autónomas para facer fronte e minimizar o impacto que a suba de custos enerxéticos e das materias primas está a ter na súa actividade. Son 30 millóns de euros adicionais ao investimento co que xa contan os programas anuais da Xunta dirixidos a estes traballadores, que suman en 2023 outros 30 millóns máis.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/11/2022