A Xunta inicia este luns traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas das comarcas de Verín e de Valdeorras

As novas actuacións realizaranse na OU-114 ao paso por Verín; na estrada OU-115 en Monterrei; na OU-637 en Larouco; e en dúas das rotondas da OU-536 ao seu paso pola Rúa
 

Proseguirán os traballos iniciados nas últimas semanas en 15 estradas das catro provincias
 

Estas accións de conservación nas vías da Xunta permitirán a roza mecánica de máis de 2.600 km lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 m2 de xeito manual
 

Desde o ano 2018 a Xunta leva investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas da súa competencia, a través da encomenda á empresa pública Seaga

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2022 A Xunta iniciará o luns traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas das comarcas de Verín e de Valdeorras.

 

Estas novas intervencións levaranse a cabo, concretamente, na OU-114 en Verín; na OU-115, no concello de Monterrei; e na estrada OU-637, en Larouco. Tamén se intervirá con actuacións de limpeza e axardinamento en dúas das rotondas da OU-536 ao seu paso polo municipio da Rúa.

 

A próxima semana seguirán tamén estas actuacións de limpeza na provincia de Ourense: na estrada OU-403, entre Ribadavia e Ponte Castrelo; na OU-212 ao paso por Beariz, Avión, Leiro, Carballeda de Avia e Beade; e na estrada OU-536, no seu percorrido polos municipios de Ourense, Pereiro de Aguiar, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Montederramo, Castro Caldelas e San Xoan de Rio.

 

Ademais, proseguirán na provincia da Coruña os labores iniciados na AC-566, ao seu paso por Cedeira, Cerdido e Valdoviño; na autovía AG-59 en Teo; e na vía de altas prestacións VG-1.3, no seu percorrido polos municipios de Oleiros, Cambre e Sada.

 

Tamén continuarán estes traballos na vía de altas prestacións CG-2.1, nos municipios lucenses de Monforte de Lemos, Pantón e Saviñao; e na estrada LU-751, en Meira e en Ribeira de Piquín.

 

Na provincia de Pontevedra continuarán as rozas iniciadas nas últimas semanas na PO-331 ao paso polo concello do Porriño; na AG-46, CG-4.1, VG-4.6 e VG-4.5, en Moaña e Cangas; na AG-51, en Salvaterra de Miño; e na estrada PO-504, na rotonda do Vinquiño, en Sanxenxo.

 

Control da biomasa

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acomete estas actuacións no marco do contrato coa empresa pública Seaga, por importe de máis de 2,2 millóns de euros, para o control da biomasa das marxes das estradas de titularidade autonómica para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

 

Estas novas accións de conservación nas vías de titularidade da Xunta permitirán, nesta nova encomenda, a roza mecánica de máis de 2.600 quilómetros lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 metros cadrados de xeito manual.

 

Ademais, retiraranse máis de 5.600 árbores situadas no dominio público das estradas, susceptibles de provocar lumes ou de supoñer un risco de caída na calzada. Tamén se levará a cabo a reparación de 22.500 metros lineais de valado dos noiros perimetrais das estradas.

 

Como novidade na encomenda de 2022, prevese a reposición de 7.500 metros de valado en vías de alta capacidade que se poida danar nos labores de despexe ou roza. A reposición realizarase con valado reforzado para aumentar a protección da estrada fronte á entrada de animais.

 
Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/11/2022