O presidente da Xunta participou, xunto co presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, no foro Encontros no EO, organizado pola Corporación Voz de Galicia

Rueda subliña os intereses comúns de Galicia e Asturias por unha financiación autonómica que atenda a dispersión poboacional

Demanda ao Goberno unha reforma do modelo de financiación baseada nunha xustiza distributiva para as CC.AA con poboación envellecida e dispersa e alerta que unha negociación bilateral poría en “pé de guerra” ás comunidades que quedan fóra

Úrxelle ao Goberno central a convocatoria dos Perte ante a incerteza de financiación para os proxectos tractores que Galicia presentou os Fondos Europeos

Salienta o importante gasto social e en sanidade dos Orzamentos da Xunta de 2023, xa que advirte de que o primeiro semestre “vai ser duro”

Garante que o Executivo autonómico fará “o posible e o imposible” para ter presentado en prazos os informes de impacto ambiental dos parques eólicos

Rueda e Barbón acordan celebrar unha reunión bilateral entre Galicia e Asturias para abordar o reto demográfico
 

Compartir
  • whatsapp

Ribadeo (Lugo), 28 de novembro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, remarcou hoxe os intereses comúns de Galicia e Asturias por unha financiación autonómica que atenda á dispersión poboacional e cubra realmente os custes que isto lles supón ás comunidades.

”Asturias e Galicia temos necesidades diferentes doutros lugares e iso ten que estar moi por riba das diferenzas políticas”, defendeu Rueda na súa participación, xunto co presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, no foro Encontros no EO, organizado pola Corporación Voz de Galicia.

Na súa intervención, lembrou a posición coñecida das comunidades do Noroeste, plasmada na Declaración de Santiago, na necesidade dunha financiación autonómica baseada nunha “xustiza distributiva” que teñan en conta o envellecemento e a dispersión demográfica, da que advertiu que este feito provoca que en Galicia se concentre 1 de cada 5 euros do gasto en transporte escolar e resulta ser a comunidade que concentra o 14% dos centros de saúde de España con menos do 6% da poboación.

Precisamente, alertou que os cálculos do Goberno galego sitúan “en 500 millóns de euros” a factura que lle supón ás arcas autonómicas está dispersión. Ante esta situación, o presidente da Xunta volveu demandar unha reforma do modelo de financiación autonómica que aporte recursos suficientes, cun reparto en base ao costes de servizos e que garanta a financiación igual das comunidades en base a estes servizos. “Hai que facela canto antes”, esixiu Rueda, quen recriminou que esta reforma “non se pode seguir atrasando” e advertiu que sería un “erro abordala de xeito bilateral” e iso poría e “pé de guerra” as comunidades que quedan fóra desa negociación a dous bandos.

Senda propia de modelo de financiamento

O presidente da Xunta tamén puxo en valor o modelo de financiamento de Galicia no que dixo que a través dunha xestión eficaz se “controla a débeda, se baixan os impostos e garántese a mellora dos servizos públicos”. “Todo isto é posible”, aseverou ao tempo que salientou que esta senda fiscal propia propicioulles os galegos e galegas que teñan aforrado 1.200 millóns de euros desde 2009, que serán 128 millóns o ano que vén, a través de baixadas no IRPF; ser a primeira comunidade en considerar as familias con dous fillos como numerosas a efectos fiscais; ou duplicar a dedución para que teñen tres fillos, que recibirán 250 euros adicionais por fillo.

Rueda tamén se referiu neste aspecto a baixa do imposto de patrimonio, que considerou “coherente co nivel de ingresos e gastos previstos” e que defendeu para que empresas que teñen a súa actividade en Galicia “non se vaian a outras comunidades onde non terían que pagar nada”. Por este motivo, avanzou como “máis probable” que o Goberno autonómico recorra á chamada taxa de solidariedade do Goberno central que o deixaría sen efecto por considerar que é unha “intromisión” á capacidade de actuación fiscal das comunidades.

Orzamentos que priman o gasto social e a sanidade

Na súa intervención, o titular do Executivo autonómico tamén abordou os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2023, e dos que enxalzou que son “os máis altos da historia da comunidade” e destacou a aposta en gasto social, xa que advertiu que “o primeiro semestre do vindeiro ano vai ser duro”, e referiuse en concreto ao colectivo de persoas vulnerables e sobre todo ás pequenas e medianas empresas.

Por iso, puxo en valor que tres de cada catro euros dos 12.160 millóns irán destinados a sanidade, educación, política social e emprego. Rueda fixo especial mención á inversión en sanidade, na que o Goberno galego destinará o "40 por cento" dos Orzamentos de 2023.

 “Non é un problema de recursos, senón que hai que implicar o Goberno central”, remarcou Rueda sobre a situación da sanidade, con respecto a falta de especialistas e a petición de Galicia, xunto con outras CC.AA. dun aumento extraordinario de prazas MIR e que se cre a especialidade de Urxencias, xa que advertiu que un “40 por cento dos facultativos formados para Atención Primaria vanse finalmente a Urxencias”

“Con estas dúas medidas solucionariamos parte importante do problema”, aseverou o titular do Executivo autonómico, quen advertiu que “canto antes se tomen estas decisións menos tempo estaremos pasándoo mal”.

Incerteza de financiación para proxectos tractores dos Next Generation

No foro Encontros no EO, mandatario galego tamén abordou os retos comúns de Galicia e Asturias, entre os que titular do Executivo autonómico subliñou a “enorme oportunidade” para a competitividade das empresas das enerxías renovables, que supoñe 75 por cento da enerxía que se produce na actualidade en Galicia.

No entanto, tamén considerou importante para o sector industrial galego que o Executivo central active os PERTE, xa que advertiu que esta demora está a xerar “incerteza” de financiación para os proxectos tractores que Galicia presentou aos Fondos europeos. “Se isto se reconduce será posible aproveitar esta oportunidade”, aseverou Rueda, quen insistiu en que por parte do Goberno galego se fixo “todo o que se lles pediu” desde o Goberno de España con respecto as candidaturas aos Next Generation. Ante esta situación, o mandatario galego volveu insistir en reivindicar para as comunidades a xestión destes fondos por ter “máis capacidade, experiencia e axilidade”.

Rueda tamén se amosou crítico coa transición enerxética do Goberno da que considerou que se podería ter feito “doutro xeito” e “máis ordenada”, xa que advertiu que pode causar “prexuízos evidentes” e puxo como exemplo o peche e reactivación parcial da planta de Endesa nas Pontes.

En canto ao prazo máximo marcado polo Goberno central do 24 de xaneiro para ter todos os informes de impacto ambiental de proxectos de parques eólicos en Galicia, o presidente galego garantiu que a Xunta fará “todo o imposible e posible” para cumprir co prazo e pediu o mesmo compromiso para os de máis de 50 megavatios que dependen do Goberno central.

Corredor Atlántico

Durante o foro, o presidente da Xunta de Galicia e o do Principado de Asturias coincidiron en reivindicar o Corredor Altántico de mercadorías por ferrocarril. Rueda considerou esta demanda unha cuestión de “coherencia e de cohesión territorial”, ao tempo que alertou que a España “lle faltaría un dos seus brazos” se non se pon en marcha.

Ao respecto, pediu por parte do Goberno central que dea “pasos importantes” e “máis présa” para contar cun Plan director e un Comisionado. Na consecución desta demanda considerou necesario a unión non só dos representantes políticos das comunidades implicadas, senón tamén do mundo empresarial e dos medios de comunicación.

Reto demográfico

Xa para finalizar o foro, ambos os dous presidentes autonómicos referíronse a un dos principais retos comúns, o demográfico. Así, e logo de que o presidente do Principado de Asturias recoñecese que Galicia vai por diante neste eido ao contar cunha propia lei, Alfonso Rueda subliñou que Galicia está a tomar pequenas medidas que, sumadas, convértense en decisións de moito efecto.

Neste senso, puxo como o exemplo a Estratexia Retorna da Xunta ou as becas de estudios BEME (Bolsas Excelencia Mocidade Exterior), coas que a Comunidade está a conseguir que milleiros de galegos volvan vivir a Galicia. Ademais, sobre este asunto, Rueda e Barbón acordaron celebrar unha reunión bilateral entre Galicia e Asturias para abordar o reto demográfico.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/11/2022