A Xunta destina máis de 2,2 M€ para o coidado de plantacións forestais

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde para a concesión no vindeiro ano 2023 das primas de mantemento das forestacións cofinanciadas polo Feader, cunha previsión de acadar máis de 6.000 hectáreas de actuación
 

O prazo de presentación de solicitudes establécese nun mes contado a partir de mañá

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2022 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se fixan as bases e a convocatoria para o vindeiro ano 2023 das primas de mantemento das forestacións obxecto de axudas nos últimos anos. Cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia, estas achegas están dotadas cun orzamento de máis de 2,2 millóns de euros para o período 2023-2025, a razón de 750.000 euros para cada un dos tres anos cos que se prevé acadar unha superficie de actuación de máis de 6.000 hectáreas. En calquera caso, este presuposto é ampliable, en función das solicitudes que finalmente se presenten.

 

En concreto, poden beneficiarse destas primas exclusivamente as persoas titulares de superficies forestais que fosen plantadas con subvencións xestionadas pola Xunta antes do 31 de decembro de 2022 ao abeiro das ordes de axudas para a reforestación e a creación de superficies forestais correspondentes aos anos 2018, 2019, 2020 e 2021. As primas teñen como finalidade contribuír ao coidado, mantemento e demais traballos forestais posteriores á plantación, financiando os traballos mediante unha prima de mantemento anual nos primeiros anos de existencia das plantacións realizadas.

 

Con estas achegas, confírmase a aposta decidida de Consellería do Medio Rural pola conservación e mellora da diversidade en áreas forestais, así como pola xestión forestal sustentable para a conservación activa de espazos forestais. Supón tamén unha aposta polas iniciativas e programas de mitigación e adaptación ao cambio climático para o monte galego co obxectivo de incrementar a súa capacidade de fixación de carbono atmosférico (sumidoiro de carbono), de reducir a súa vulnerabilidade e capacidade de adaptación (resiliencia e resistencia) e de potenciar o emprego de produtos e subprodutos forestais como fontes de enerxía renovable e de produtos ecolóxicos.

 

O prazo de presentación de solicitudes para acceder a estas primas será dun mes contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

 

Plan Forestal 2021-2040

A presente orde alíñase con varios obxectivos recollidos na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, “Cara á neutralidade carbónica”, como o da contribución do monte galego á conservación da natureza e á prestación doutros servizos ambientais, que inclúe medidas tendentes á conservación da biodiversidade e á multifuncionalidade dos montes como ecosistemas forestais, así como as medidas tendentes á mitigación e adaptación ao cambio climático e o desenvolvemento de enerxías renovables, entre outros.

 

Tamén cabe apuntar o eixe que aposta pola xestión forestal e a loita contra o abandono no monte, que inclúe accións tendentes a iniciativas de activación da xestión forestal privada. Por último, o eixe sobre recursos forestais e a cadea monte-industria, con medidas tendentes ao fomento de recursos forestais non madeireiros e madeireiros.

 
Enlace á orde no DOG:
 
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221129/AnuncioG0426-161122-0005_gl.html

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 29/11/2022