O conselleiro de Educación visita a nova área deportiva que vén de habilitarse no colexio CEIP Plurilingüe San Roque, en Vilanova de Arousa

Román Rodríguez refírese ao “gran avance” que supón a posta en marcha das pistas multideporte nos colexios para crear espazos educativos máis saudables

A de Vilanova de Arousa é unha das 32 infraestruturas deste tipo que o Goberno autonómico habilita este ano en Galicia por 2M€ co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Promoven que os escolares realicen distintas disciplinas deportivas en horario escolar e que estas pistas poidan ser empregadas polo resto da cidadanía o resto do tempo

Súmanse a outras medidas como o incremento de clases de Educación Física en Bacharelato impulsada polo Goberno autonómico neste curso

“Creamos espazos máis innovadores e participativos e promovemos unha obra pública máis sustentable coa complicidade dos concellos”, expresa Román Rodríguez

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 29 de novembro de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, referiuse hoxe ao “gran avance” que supón a posta en marcha das pistas multideporte nos colexios galegos para “crear espazos educativos cada vez máis saudables e innovadores”. Así o manifestou durante a súa visita á nova infraestrutura deste tipo que vén de abrir no colexio Plurilingüe de San Roque, en Vilagarcía de Arousa, unha das máis de 30 que a Xunta impulsa este ano en toda Galicia cun investimento de 2M€ ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

 

“Xa estamos a comprobar os resultados das primeiras pistas abertas nos colexios galegos como espazos saudables”, expresou Román Rodríguez. Neste sentido, referiuse á dobre función que están a ter, tanto para o alumnado como para a cidadanía. “Contamos coa complicidade dos Concellos para promover que os nenos fagan deporte e se divirtan e se poida gañar un novo espazo para a veciñanza fóra do horario escolar”. Unha medida que se suma a outras levadas a cabo polo Goberno autonómico para impulsar os hábitos de vida saudables entre o alumnado, como o incremento dunha sesión lectiva máis á semana de Educación Física en Bacharelato impulsada polo Goberno autonómico neste curso.

 

A posta en marcha das pistas multideporte promoven, ademais, unha obra pública “máis sustentable e respectuosa coa contorna na liña dos proxectos impulsados no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica”, engadiu. Neste sentido, recordou que é unha das medidas recollidas no Plan, dotado de 191M€, co que se está conseguindo adaptar os centros acorde coas novas metodoloxías de aprendizaxe, cos novos espazos de socialización escolar e cos obxectivos de desenvolvemento sostible 2030, e tendo en conta ademais a experiencia das dinámicas escolares xeradas no contexto de pandemia.

 

Hábitos saudables

As novas instalacións lúdico-deportivas do colexio de San Roque que visitou hoxe o conselleiro contaron cun orzamento de preto de 80.000 euros dos que a Xunta achegou preto de 45.000 euros. Teñen unhas dimensións de 23x12 m2 cunha pista modular adaptable á práctica de varios deportes. Conta con céspede artificial e chan de resina deportiva e está equipada con dúas porterías de balonmán e fútbol sala, dúas canastras de baloncesto e tamén unha rede para pista de tenis, bádminton ou voleibol. Ademais conta con seis torretas de iluminación e focos led.

 

A Xunta promove pistas como estas en centros de Educación Infantil e Primaria e nos centros integrados non universitarios de titularidade municipal, cuxo deseño debe ser conforme aos modelos establecidos. A través destas axudas a Administración autonómica subvenciona ata o 85% do custo destas infraestruturas de uso compartido entre os centros e os concellos e é a primeira vez que se habilita unha liña deste tipo, que incide na colaboración interinstitucional entre as administracións autonómica e locais. En total, en Galicia habilítanse este ano 32 novas pistas multideporte, das que nove están na provincia da Coruña, 10 na de Lugo, cinco en Ourense e oito en Pontevedra.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/11/2022