Nava Castro destaca o apoio da Xunta para posicionar a Costa da Morte como destino Starlight

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no encontro que tivo lugar hoxe na Laracha

Nava Castro indicou que grazas a este tipo de iniciativas para intercambiar ideas e proxectos no sector, Galicia traballa para consagrarse, ano a ano, nun destino exclusivo a través dunha oferta diferenciada e de calidade

O evento tivo como finalidade intercambiar ideas e proxectos, mostrar o potencial do sector turístico e unir os concellos do xeodestino Costa da Morte

Compartir
  • whatsapp

A Laracha, 29 de outubro de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o apoio levado a cabo dende a Xunta de Galicia para posicionar a Costa da Morte como destino Starlight, isto é, acadar a certificación de que é un lugar que goza de excelentes calidades para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, son especialmente aptos para desenvolver neles actividades turísticas baseadas neste recurso natural.

Durante a súa intervención, Nava Castro indicou  que grazas a este tipo de iniciativas para intercambiar ideas e proxectos no sector, Galicia traballa para consagrarse, ano a ano, nun destino exclusivo a través dunha oferta diferenciada e de calidade.

Neste senso, a directora de Turismo de Galicia puxo en valor esta iniciativa, xa que, en palabras da directora de Turismo de Galicia, “permítenos fomentar unha modalidade de turismo sostible e responsable que combina a observación do ceo nocturno e diúrno, a divulgación e actividades de lecer relacionadas coa astronomía e o contacto coa natureza”.

O evento, organizado pola Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), tivo como finalizade intercambiar ideas e proxectos, mostrar o potencial do sector turístico e unir os concellos do xeodestino. Así, o evento contou con representantes dos 17 municipios, o tecido empresarial turístico, a Deputación e a Fundación Starlight, fundación cuxo obxectivo é a protección do ceo nocturno, a difusión cultural da astronomía e o desenvolvemento económico sostible a través do astroturismo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/11/2022