O presidente da Xunta participou nas “Conversas no Parador” organizadas polo Club de Prensa de Ferrol

Rueda defende o compromiso da Xunta con Ferrol que reflicten os orzamentos de 2023 e apela á implicación do Goberno para concretar os proxectos de futuro na comarca

Resalta que as contas do vindeiro ano reservan 113,3 M€ para melloras en sanidade, na rede viaria, nos servizos sociais ou no eido educativo en Ferrol, Eume e Ortegal

Subliña que a Xunta destina case 27 M€ á fase final da reforma e ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e 8 M€ á Vía de Alta Capacidade Costa Norte

Reclama ao Goberno central que o Corredor Atlántico chegue ata esta cidade; que delimite xa as zonas nas que se poderá desenvolver a eólica mariña e concrete os fondos europeos que recibirán proxectos industriais estratéxicos para a comarca

Advertiu de que os empresarios reclaman “estabilidade e certezas” para a posta en marcha de proxectos transcendentais para Galicia e para a comarca de Ferrol en particular
 

Compartir
  • whatsapp

Ferrol, 29 de novembro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu esta mañá o compromiso da Xunta con Ferrol e a súa comarca tal e como reflicten os orzamentos do Goberno galego para 2023 que reservan máis de 113 millóns de euros para melloras en infraestruturas viarias e sanitarias; impulsar o campus universitario e avanzar no saneamento do rural ou nos servizos sociais en Ferrol, Eume e Ortegal. Ademais, durante a súa intervención nas Conversas no Parador, organizadas polo Club de Prensa de Ferrol, Rueda reclamou ao Goberno central unha maior implicación para concretar proxectos de futuro nesta comarca xa que advertiu que os empresarios o que reclaman, ademais de fondos e axudas públicas, é “estabilidade e certezas” para a posta en marcha de proxectos transcendentais para toda Galicia e para Ferrol en particular. 

O titular da Xunta resaltou que nos orzamentos para o vindeiro ano -os máis altos da historia da comunidade-, o Goberno galego reserva partidas concretas para proxectos cos que dar un novo pulo a Ferrol e comarca. Neste sentido, destacou os preto de 27 millóns de euros para a fase final da reforma e ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol -aos que hai que sumar 5,1 millóns en equipamento de alta tecnoloxía-; os 8 millóns de euros para a Vía de Alta Capacidade Costa Norte; os 3 millóns consignados para reformar a residencia de Caranza; os preto de 4 millóns para o Campus Industrial -o primeiro especializado en Galicia- ou partidas específicas para o CIS Tecnoloxía e Deseño ou para mellorar o saneamento nas áreas do rural.  

Rueda sacou a colación a necesaria colaboración institucional para poñer en marcha proxectos de interese para a veciñanza e, nese senso, recordou que a ampliación dos hospitais Naval e Arquitecto Marcide están á espera de que se asine un convenio coa Administración local. 

Rueda tamén puxo como exemplo do compromiso da Xunta con Ferrol a posta en marcha en xaneiro deste ano da delegación do Goberno galego nesta cidade ou o Pacto de Estado por Ferrol que se presentou en 2021 co obxectivo de tender a man a todas as Administracións para dar solucións desde o punto de vista industrial e económico nesta comarca, así como para ofrecer respostas ante o reto demográfico. 

Neste sentido, o titular da Xunta reclamou durante a súa intervención maior implicación do Goberno central no futuro de Ferrol e a súa contorna. Tras lamentar a improvisada e abrupta transición enerxética que está a levar a cabo o Executivo – que provocou que Alcoa suspendera a súa produción de aluminio polo prezo da luz ou a reapertura da central térmica das Pontes- e a nova suba dos peaxes da AP-9, Rueda demandou concrecións desde o Goberno central para dar estabilidade e seguridade á Ferrolterra. “Non sabemos nada sobre os plans do Goberno central; o único que sabemos é que na súa maneira de entender a transición enerxética estaban equivocados, como se demostrou coa central térmica das Pontes, onde xa tiveron que rectificar”. 

As oportunidades do Corredor Atlántico de Mercadorías  

En concreto, o presidente autonómico resaltou a importancia de que o Corredor Atlántico chegue ata Ferrol e de que o Goberno delimite xa as zonas de desenvolvemento da eólica mariña para contar coa máxima seguridade xurídica e garantir a súa compatibilidade coa actividade marítimo-pesqueira. Ademais, cómpre ter en conta o papel que está a xogar esta comarca na industria de compoñentes para a eólica mariña, como as iniciativas xa anunciadas neste eido como o proxecto Nervión no porto exterior de Ferrol ou a construción de 62 jackets de eólica mariña para o norte de Francia que Navantia e Windar van levar a cabo en Fene. Rueda reclamou tamén ao Goberno que especifique os fondos europeos que van recibir proxectos estratéxicos para esta comarca coma a fábrica de metanol verde de Forestal del Atlántico en Mugardos, a planta de pneumáticos que Sentury Tires prevé construír nas Pontes ou a de hidróxeno verde que Reganosa e EDP Renovables proxectan tamén neste municipio coruñés. Ademais, demandou un impulso real a iniciativas como o estaleiro 4.0 ou a construción do dique seco. 

O presidente da Xunta advertiu que se se perden as oportunidades que ofrecen os fondos de recuperación ou se Galicia queda fóra das grandes infraestruturas europeas, “non seremos competitivos” polo que asumiu a responsabilidade do Goberno galego perante estes retos, pero pediu tamén a implicación de toda a sociedade na súa procura.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/11/2022