A Xunta destaca a implicación de Congalsa en iniciativas que facilitan a inserción laboral da mocidade
O obxectivo do programa é favorecer a transición da vida académica ao emprego de mozas e mozos de entre 18 e 30 anos de idade
A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 29 de novembro de 2022 A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou hoxe a implicación de empresas como Congalsa na tarefa de facilitar a incorporación da mocidade ao mercado laboral. Díxoo nunha vista ás instalacións que ten no polígono da Tomada esta firma, que colabora coa recentemente iniciada segunda edición do programa Xuventude Mentoring, do mesmo xeito que xa o fixo o ano pasado, tanto a través de persoas mentoras traballadoras na empresa como favorecendo estas visitas.
Cristina Pichel explicou que a través do Xuventude Mentoring, facilítaselle a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos de idade asesoramento, formación e oportunidades para acceder a un emprego. Trátase de que estas persoas que acaban de rematar os seus estudos transiten de maneira efectiva da vida académica a un traballo, para o que contan co apoio dun ampla rede formada por persoas titoras, mentoras e empresas.
Durante tres meses, os participantes no programa ampliarán os seus coñecementos e habilidades, recibirán orientación individualizada e desfrutarán de diferentes actividades, como estas visitas a empresas —que comezaron a semana pasada con Zendal— ou conferencias, para axudarlles a impulsar a súa rede de contactos e achegarlles máis oportunidades de emprego.