O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria clausurou hoxe en Trazo o Curso Gandeiros 20-30, impartido no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo

A Xunta pon en valor a formación empresarial como fórmula para impulsar e potenciar as explotacións agrogandeiras

José Luis Cabarcos definiu a Estratexia de dinamización do sector lácteo como a gran aposta da Xunta pola mellora e promoción da calidade do leite galego, o impulso ao seu valor engadido e á profesionalización do sector

Destacou outras iniciativas da Xunta a prol do lácteo como a ferramenta informática Conta Láctea, o Observatorio da cadea alimentaria, a Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia ou o Observatorio lácteo

Salientou as axudas para plans de mellora, incorporación de mozos e creación de pequenas explotacións, cun orzamento de 54,8 millóns de euros para a convocatoria de 2023

Trazo (A Coruña), 29 de novembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, clausurou esta mañá en Trazo unha nova edición do Curso Gandeiros 20-30, sobre as competencias empresariais nas explotacións gandeiras, impartido no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo. Alí puxo en valor este tipo de formación orientada á xestión empresarial como fórmula para impulsar e potenciar o agro galego.  

Neste senso, Cabarcos indicou que tras o éxito destas accións formativas -xa van seis edicións con esta-, a Consellería do Medio Rural está traballando na súa continuidade con máis cursos en comarcas gandeiras e así poder facilitarlle aos participantes as claves para desenvolver unha explotación sustentable e rendible. Así, destacou a importancia da formación orientada cara á profesionalización, para garantir o futuro do sector leiteiro e sinalou que a Estratexia do lácteo afonda, precisamente, neste obxectivo, xunto co de procurar rendibilidade para os gandeiros pola súa actividade e de facilitar a transformación, en Galicia, do leite que se produce na nosa comunidade, entre outras finalidades.

Ademais, o director da Axencia puxo en valor iniciativas enmarcadas nesta Estratexia como a ferramenta informática Conta Láctea, que lle permite aos gandeiros coñecer e xestionar os seus custos de produción. Tamén destacou o Observatorio da cadea alimentaria, a Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia ou o Observatorio lácteo.

En parecidos termos, Cabarcos destacou as axudas destinadas ao incremento da competitividade das explotacións galegas e, neste sentido, resaltou os 54,8 millóns reservados nos orzamentos da Consellería do vindeiro ano 2023 para plans de mellora, incorporación de mozos ao agro e creación de pequenas explotacións. Un orzamento que se suma aos 37,5 millóns de euros da convocatoria deste ano.

Por último, o director da Axencia insistiu na relevancia de dotar de maior base territorial ás explotacións, algo no que incide a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Unha norma centrada en facilitar base territorial ao redor das explotacións, co fin de fomentar alternativas como o leite de pastoreo, pola que poden optar, se así o desexan, os gandeiros.

Precisamente, Cabarcos lembrou que a Consellería, a instancias dos resultados da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego 2020-2025, porá en marcha a marca propia “Leite de Pastoreo de Galicia”. Ademais, tamén lembrou a marca de calidade Galega 100 %, sinalando que a Xunta seguirá impulsando este selo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/11/2022