Os galegos e galegas de 16 a 34 anos superan a media estatal no uso de internet e do comercio electrónico

Cómpre destacar o crecemento no acceso á rede das persoas de entre 64 e 74 anos, que supera o 70 %, e crece o dobre que a media estatal no último ano

Galicia ocupa a sétima posición na concertación de citas sanitarias por inter-net e supera en dous puntos a media estatal no emprego da banca online

Crece o uso das canles dixitais coa Administración, que empregaron o 83,8 % dos internautas galegos e galegas no último ano.

O 33,7 % de galegos e galegas xa utilizan dispositivos ou servizos de domóti-ca do fogar, principalmente altofalantes e alarmas ou dispositivos de seguri-dade

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2022 A totalidade dos galegos de 16 a 34 anos empregan Internet e superan a media estatal no uso habitual da rede  e nas compras online. O incremento máis significativo no último ano rexistrouse no colectivo de persoas con máis dificultades de acceso a tecnoloxía. Os usuarios e usuarias de internet de entre 65 aos 74 anos acadaron o 70,5 % en Galicia, tras subir nos últimos 12 meses un 8,5 %, o dobre que a media estatal (+4,2 %).

O 98,3 % dos nenos e nenas galegos de 10 a 15 anos empregan o ordenador e sitúase á cabeza no uso deste equipamento TIC no ranking por Comunidades Autónomas, 5,2 puntos por riba da media estatal. O 95,6 % destes nenos e nenas usaron internet nos últimos 3 meses, tamén por riba da media estatal. Son parte dos datos publicados hoxe polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2022, que constata os bos resultados dos indicadores de uso das TIC entre os máis novos.

Son datos da Enquisa e uso TIC nos fogares 2022 do INE, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Uso das TIC: comercio electrónico, e-saúde e Banca dixital

En canto ás as compras a través da Rede, un 50,5 % da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo a través de Internet nos últimos tres meses pero no tramo de idade dos 16 aos 34 anos supérase á media do estado en máis de 5 puntos porcentuais xa que o 68,8 % de galegos e galegas de 16 a 24 mercaron por internet nos últimos tres meses, e o 78,3 % dos 25 aos 34 anos.

As actividades máis realizadas nos tres últimos meses están relacionadas coa comunicación, realizadas polo 90,8 % da poboación galega de 16 a 74 años; recibir ou enviar correos electrónicos (77,5 %) ou ler noticias, xornais ou revistas de actualidade online (76,0 %).

Respecto á saúde, cabe destacar a elevada porcentaxe de uso de servizos online como concertar unha cita cun médico a través dunha páxina web ou dunha app de móbil, que acada unha porcentaxe de 55,3 %, ocupando a sétima posición no ranking por CC.AA. Galicia ocupa esa mesma posición no Acceso a arquivos persoais de saúde (38,7 %)

Cabe salientar especialmente que o 71,9 % dos galegos e galegas utilizan a banca por Internet (incluída a banca móbil), superando a media estatal (69,6 %) en 2,3 puntos e ocupando novamente a sétima posición no ranking por CC.AA.

Interacción coas Administracións Públicas a través de Internet

O 83,8 % dos internautas de 16 a 74 empregaron algunha páxina web ou apps das Administracións Públicas nos 12 últimos meses por motivos particulares. Isto supón un incremento de 18,5 % puntos respecto a 2021,  fronte ao 15,5 % da media estatal.

Entre os trámites máis frecuentes, o 68,9 % descargou algún formulario oficial, superando a media estatal (67 %). Un 24,5 % accedeu a información de bases de datos ou rexistros públicos (rex. catastrais, de empresas…), sendo a terceira Comunidade Autónoma que máis xestiona por Internet estas consultas.

A Internet das cousas

No que se refire á Internet das Cousas, do total de internautas galegos de 16 a 74 anos, o 33,7 % utilizaron dispositivos ou servizos de domótica no fogar. En concreto, o 21 % empregou asistentes virtuais en forma de altofalante intelixente ou de App (como Alexa, Google Home, Siri, Cortana,...); o 15,2 % electrodomésticos conectados, o 11,2 % sistemas para a administración de enerxía para o fogar (luces, enchufes, termóstatos,...) e o 6,7 % sistemas de alarma/seguridade do fogar (fechaduras, cámaras, detectores de fumes,...).