A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe a localidade

A Xunta e o concello da Laracha invisten máis de 130.000 € na mellora da contorna do campo da feira de Paiosaco

As obras enmárcanse no plan Hurbe, impulsado en 2010 para apoiar ás entidades locais en proxectos que melloren as condicións e a calidade de vida da súa veciñanza, cun total de 96 actuacións comprometidas só na provincia da Coruña desde entón

Compartir
  • whatsapp

A Laracha (A Coruña), 30 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia e o Concello da Laracha investiron máis de 130.000 euros na mellora da contorna do campo da feira de Paiosaco, segundo salientou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, na visita que realizou ás actuacións realizadas nesta localidade coruñesa.

 

O proxecto, que foi financiado nun 70% por parte do Goberno galego e nun 30% polo concello, consistiu na mellora das beirarrúas coa ampliación da anchura, a corrección de pendentes, a adaptación de arquetas e utilización de pavimentos pétreos antiesvarantes. Tamén se actuou na calzada coa renovación das sinalizacións horizontais e verticais e a substitución da capa de rodadura. A maiores, instalouse novo mobiliario -bancos, xardinería e papeira- e actuouse na rede de augas pluviais.

 

A obra levouse a cabo ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.

 

Desde entón, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 400 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.

 

De feito, só na provincia da Coruña foron comprometidas ou executadas desde entón ao abeiro deste programa un total de 96 actuacións, incluída a que se acometou no concello da Laracha. Cómpre lembrar que este municipio xa levou a cabo a mellora da accesibilidade nas beirarrúas de varias rúas da localidade ao abeiro desta orde de axudas no ano 2017.

 
A Xunta destinará 8,6 millóns de euros o vindeiro ano a seguir apoiando ás entidades locais galegas na execución deste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/11/2022