O conselleiro do Medio Rural visitou en Narón as oficinas centrais do grupo Cándido Hermida, que definiu como “gran expoñente a nivel mundial” neste eido produtivo

A Xunta porá en marcha o vindeiro ano un Plan Estratéxico da Industria Forestal-Madeira en colaboración co sector

José González, que estivo acompañado do director da Axencia Galega da Industria Forestal e da delegada territorial da Xunta en Ferrol, indicou que esta iniciativa responde a unha demanda do propio sector
 

Trasladou que ten como obxectivo xeral aliñar o Plan Forestal de Galicia -que está especialmente centrado no recurso- coas necesidades da industria -máis enfocadas cara ao produto-
 

Vinculou esta iniciativa con outras do seu departamento, caso do propio Plan Forestal (e dentro del o Inventario Forestal Continuo), ou os 18 millóns de euros destinados entre 2022 e 2023 a incentivar a forestación e a silvicultura activa no monte galego
 

Salientou tamén o labor de fomento da Axencia Galega da Industria Forestal, con axudas para a dixitalización e a innovación das pequenas e medianas industrias do sector, así como das súas organizacións, e para impulsar a madeira na construción

Compartir
  • whatsapp

Narón (A Coruña), 30 de novembro de 2022 O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou esta mañá a posta en marcha, ao longo do vindeiro ano, dun Plan Estratéxico da Industria Forestal-Madeira. Esta iniciativa, explicou, responde a unha demanda do propio sector e ten como obxectivo xeral o de aliñar o Plan Forestal de Galicia -que está especialmente centrado no recurso- coas necesidades da industria -máis enfocadas cara ao produto-.

 

O conselleiro trasladou esta mensaxe hoxe, durante a súa visita ás oficinas centrais do grupo empresarial Cándido Hermida no polígono naronés de Río do Pozo, na que estivo acompañado do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

 

Aposta como non houbo antes

Nesta liña, José González enmarcou o devandito Plan Estratéxico na aposta da Xunta en materia forestal “como non houbo antes, para coidar e potenciar o tesouro que representa para Galicia o seu monte”. E vinculou esta iniciativa con outras do seu departamento, caso do propio Plan Forestal (e dentro del o Inventario Forestal Continuo), ou os 18 millóns de euros destinados entre 2022 e 2023 a incentivar a forestación e a silvicultura activa, é dicir, a crear superficies forestais, fomentar accións silvícolas, financiar primas de mantemento e propiciar a elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestal.

 

Por iso, o titular de Medio Rural dixo que con esta visita a Cándido Hermida quíxose poñer en valor ese compromiso do Goberno galego coa industria forestal-madeira. Salientou tamén, neste contexto, o labor que desenvolve a Axencia Galega da Industria Forestal, e máis concretamente dúas convocatorias de axudas deste ano por parte desta entidade. Unha delas para fomentar a dixitalización e a innovación das pequenas e medianas industrias do sector, así como das súas organizacións, e a outra para o impulso da madeira como elemento estrutural na construción.

 

Ambas liñas de axudas -engadiu González- enmárcanse na Axenda de impulso da industria forestal-madeira e suporán, en conxunto, un esforzo investidor que supera os cinco millóns de euros, a executar neste ano e no vindeiro. Resaltou ademais que a última en publicarse foi a do fomento da construción en madeira, e que foi todo un éxito.

 

Con estas subvencións, engadiu o conselleiro, búscase contribuír á loita contra o cambio climático, mediante o fomento de materiais renovables de baixa pegada en carbono. Tamén, fomentar a prevención e xestión forestal sustentable e activa do territorio galego, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar a aquelas persoas que vaian habitar edificacións construídas en madeira.

 

Uso da madeira

Neste marco, José González sinalou que a Xunta “pode e debe xogar un efecto tractor no uso da madeira na promoción privada”, sendo este un dos seus obxectivos. Deste xeito, remarcou, quérese apoiar empresas como Cándido Hermida, que definiu como un “gran expoñente a nivel mundial” neste eido produtivo e que traballa no mobiliario, os revestimentos, as fachadas e as carpinterías exteriores en madeira. Unhas solucións máis sustentables que están chamadas a xogar un papel esencial en políticas de descabornización no eido da construción, concluíu o conselleiro. 

 
A maiores, González indicou que a industria forestal-madeira é clave na posta en valor do monte galego e tamén para afrontar retos como o cambio climático ou o impulso a unha economía neutra en carbono. Unha importancia do sector que segundo trasladou ponse de manifesto nas súas grandes cifras, como o feito de ter facturado en 2021 máis de 2.500 millóns de euros, a mellor cifra dende que hai rexistros. Así mesmo, o conselleiro tamén puxo en valor o dato de que en Galicia se corten anualmente arredor de 10 millóns de metros cúbicos de madeira e que a cadea monte-industria supoña o 12 % do emprego industrial da nosa comunidade, con 24.500 postos de traballo directos.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 30/11/2022