Un estudo elaborado pola USC clarifica as competencias da administración autonómica e as entidades locais para garantir unha prestación eficiente dos servizos públicos

O presidente do Goberno galego destaca que “a Xunta trasladará” este estudo á Fegamp que desligouse do convenio inicial e elaborou un informe pola súa parte

O Consello deu conta hoxe das principais conclusións do estudo de delimitación competencial no ámbito da Administración local en áreas como os servizos sociais, o mantemento de centros educativos e sanitarios, a atención ás emerxencias, o medio ambiente ou a promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero

Co obxectivo de reforzar a autonomía local, a Xunta traballa tamén nunha Cátedra de bo goberno local, nunha nova Lei de Administración local de Galicia, ademais de garantir a participación das entidades locais nos orzamentos autonómicos a través do Fondo de Cooperación Local
 

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2022.-
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou algunas das conclusións do estudo de delimitación competencial no ámbito da Administración local elaborado pola Universidade de Santiago (USC) no marco do convenio asinado en decembro de 2020 e que hoxe analizou o Consello. O texto avalía, entre outros aspectos, ámbitos como os servizos sociais, o mantemento de centros docentes e de saúde, a atención ás emerxencias, o medio ambiente ou a promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero. Partindo das bases establecidas neste estudo, “agora correspondería facer as delimitacións e comezar unha negociación sobre esas bases legais”, indicou Rueda, quen avanzou que a Xunta vai trasladar este estudo á Fegamp.

 

Rueda explicou que o estudo centrouse nos eidos onde se detectan maiores dificultades de deslinde competencial entre ambas administracións co obxectivo de evitar duplicidades e garantir unha mellor prestación de servizos públicos.

 

Cómpre aclarar que entre os servizos prestados á cidadanía por parte das entidades locais hai que distinguir entre os que son obrigatorios -os mínimos impostos pola lexislación de réxime local ou por normas sectoriais- e os que asumen de maneira voluntaria con cobertura nas competencias propias ou en habilitacións normativas expresas, nos que nalgúns supostos se dan casos de concorrencia coa Administración autonómica. Isto é, escolas infantís de 0 a 3 anos segundo a titularidade, os centros de menores, ou os servizos do sistema de protección e asistencia integral ás mulleres vítimas de violencia de xénero e os dirixidos a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

Polo tanto, cando unha entidade local asume de forma voluntaria a prestación dun servizo que a lei non lle obriga, non hai base legal para que esixan a súa asunción á Administración autonómica, con independencia de que a Xunta estea a financiar con transferencias todo tipo de servizos municipais, tanto obrigatorios como voluntarios.

 

Nesta liña, a Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade financeira da Administración local (LRSAL) supuxo unha nova configuración das competencias municipais, posto que, a partir de esta norma, as entidades locais non poden asumir ningunha competencia distinta das propias se non garanten a sustentabilidade financeira da facenda local.

 

A pesar deste intento por clarificar as competencias locais seguían existindo supostos nos que a distribución de competencias  non está ben definida, e durante a xestión da crise da covid-19 xurdiron novas necesidades sociais ás que atenderon as administracións incrementándose o custo da prestación de moitos servizos públicos, motivo polo que se abordou este estudo, que pretende clarificar o espazo competencial das administracións autonómica e local.

 

Nun principio, o acordo incluía á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), aceptando mesmo a súa proposta de crear un grupo de traballo, no marco do convenio de colaboración proposto, pero, igualmente, o seu presidente, Alberto Varela, decidiu que a entidade que representa non asinaría o convenio entre a Xunta e a USC, anunciando que crearían o seu grupo de traballo. A Fegamp vén de comunicar o remate dos seus traballos, que non foron remitidos á Xunta, e instou a contrastalos cos resultados do Goberno galego ao non ser posible, debido á súa decisión, de que se puidese acadar unha proposta única e consensuada.


Pola súa parte, o grupo de traballo creado na comisión de seguimento do convenio entre a Xunta e a USC avaliou, en múltiples encontros celebrados ao longo do ano pasado, as competencias en distintos ámbitos con representantes de ambas entidades e expertos, co obxectivo de obter unha análise rigorosa en todos os eidos que permita contar cunha delimitación clara das competencias autonómicas e municipais.

 

O estudo elaborado como resultado deste acordo é un documento no que participaron todas as consellerías da Xunta no que se realiza unha profunda análise das competencias municipais.

 

Servizos sociais, educación, saúde, emerxencias e augas

Por unha banda, tal e como explicou o presidente autonómico, “as entidades locais están obrigadas á prestación de servizos sociais comunitarios básicos de titularidade municipal como a axuda ao fogar”, se ben a implantación doutros máis alá desta acepción levaranse a cabo de maneira voluntaria, con base na normativa sectorial anterior a LRSAL ou trala avaliación da sustentabilidade financeira da facenda local.

 

No caso das escolas infantís, para nenos de 0 a 3 anos, “os custes derivados do funcionamento destes centros serán asumidos pola administración que teña a titularidade”, indicou Rueda.

 

No ámbito educativo, as entidades locais deben facerse cargo dos gastos de conservación, o mantemento e a vixilancia dos edificios destinados a centros públicos de Educación Infantil, Primaria ou Especial e a Xunta cando se trata de centros que só imparten Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional. “Nos centros cunha impartición mixta como ocorre cos centros integrados, o reparto dos custes é en función da superficie adicada a cada nivel formativo”, explicou Rueda.

 

Ademais, aínda que a Administración autonómica debe facerse cargo dos gastos de mellora dos edificios escolares, vén asumindo, a través de subvencións e sen estar obrigada a facelo, custos que corresponden aos municipios como os gastos de gasóleo para calefacción ou o servizo de limpeza. No caso dos comedores escolares, encadraríase no ámbito dos servizos sociais de titularidade municipal por ser un recurso complementario ao eido educativo, unha medida tendente a favorecer a conciliación, mentres que o transporte escolar sería de competencia autonómica.

No ámbito sanitario, o estudo recolle que a Administración autonómica ten competencia para asumir centros de saúde de titularidade municipal e substituílos por novos de titularidade do Servizo Galego de Saúde (Sergas), ao igual que nas unidades asistenciais de drogodependencias de titularidade municipal. Pero, no que respecta á situación do persoal municipal dos centros de atención a drogodependencia, a súa integración na Administración autonómica esixirá o cumprimento dos principios legais de igualdade, mérito e capacidade.

No que se refire á atención ás emerxencias, en materia de bombeiros e salvamento e de protección civil e emerxencias, é competencia dos municipios de máis de 20.000 habitantes, e das deputacións provinciais no resto de municipios. Tamén é competencia dos concellos o servizo de socorrismo nas zonas de baño. A Xunta colabora na regulación sobre a súa formación mínima dos socorristas coa aprobación dun decreto en 2012 -actualizado o ano pasado- e coa creación do Rexistro Profesional de socorristas acuáticos de Galicia, ademais de sufragar cursos e a contratación de profesionais.

O estudo recolle ademais que os servizos de abastecemento, saneamento e depuración, son competencias dos concellos, e as deputacións teñen a obriga de apoialos, sobre todo os más pequenos, pese a que a Xunta está apoiando financeiramente co fin de progresar na optimización da xestión da auga e na prestación destes servicios. Tamén corresponde os concellos velar polo cumprimento da norma en medio ambiente urbano ou a recollida de animais domésticos abandonados.

 

Reforzo da autonomía local

A Xunta mantén o seu compromiso coas entidades locais de Galicia con iniciativas como a Cátedra institucional de bo Goberno Local, en colaboración coa Universidade de Vigo a través da  Red Localis. Trátase dun foro pioneiro en España que fomenta o debate público para dar solucións aos problemas das entidades locais galegas.

 

Outro convenio tamén asinado este ano coa Universidade de Vigo, permitirá revisar, mellorar e actualizar o marco lexislativo en materia de Administración local. Elaborarase unha nova normativa adaptada aos cambios producidos nos últimos tempos que sexa capaz de impulsar unha administración local moderna e centrada no cidadá.

 

Cómpre engadir que Galicia foi a primeira comunidade en garantir desde 2011 a participación das entidades locais nos orzamentos da Xunta a través do Fondo de Cooperación Local (FCL), que o próximo ano contará con 143,4 millóns de euros, un 14% máis que este ano. Destaca o incremento do fondo adicional ata os 30,5 millóns de euros cun aumento récord dun 135% para sufragar os servizos municipais máis demandados polos cidadáns como as emerxencias ou o abastecemento.  

 

Entre o FCL e máis de 415,5 millóns de euros en axudas aos concellos dos distintos departamentos da Xunta as transferencias da Xunta ás entidades locais acadarán o próximo ano os 564,3 millóns de euros, subindo un 15,5% fronte a este 2022. Estas cifras constatan o compromiso do Goberno galego no reforzo da autonomía local coa finalidade de paliar as insuficiencias financeiras conforme á distribución de competencias que lle corresponden e mesmo colaborando cos concellos en servizos de competencia municipal.

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 


Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/12/2022