O programa da Xunta 'O Teu Xacobeo' impulsou en Lugo 115 proxectos, con achegas que sumaron 1,3 M€

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que deu soporte a propostas socioculturais de concellos, asociacións, clubs deportivos ou empresas por toda a provincia

Afirma que logrou implicar ao tecido social, descentralizar a celebración do Ano Santo e difundir o Camiño desde unha perspectiva multidisciplinar

Lugo, 1 de decembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O programa da Xunta de Galicia O Teu Xacobeo impulsou nas súas tres edicións 115 propostas socioculturais promovidas por concellos, asociacións, entidades sen ánimo de lucro, clubs deportivos ou empresas de Lugo, logrando deste xeito “crear unha chuvia fina de proxectos que diversificaron a celebración do Xacobeo en todo o territorio e implicaron a toda a sociedade galega”, segundo sinalou o delegado territorial de Lugo, Javier Arias.

O Goberno galego investiu 1.340.000 euros nestas iniciativas, que mobilizaron un orzamento total de 3 millóns de euros. Arias afirmou que “foi a maior convocatoria aberta de proxectos socioculturais da historia de Galicia, e tiña como obxectivo implicar a todo tipo de colectivos e ao tecido social na difusión do Camiño desde unha perspectiva multidisciplinar”.

O delegado fixo estas declaracións nun acto de balance celebrado hoxe na Oficina de Turismo da Xunta en Lugo e no que tamén participou a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira. No evento expuxéronse tres das actividades sufragadas este ano. Así, Teresa Astorgano referiuse á exposición sobre o traxe festivo tradicional da muller aldeá, organizada por El Progreso e Traxandaina; Ángel Trabada falou das mesas redondas con emprendedoras organizadas pola Asociación de Amigos do Camiño de Lugo; e Tito Díaz, director xeral do Breogán, sobre o baloncesto na rúa e o contacto cos afeccionados. Todas elas percorreron distintas localidades da provincia.

Neste sentido, Arias explicou que na edición deste ano tamén conformaron a programación entidades culturais como a Fundación Uxío Novoneyra, o colectivo Egeria ou a asociación Tanque de zinc; clubs deportivos como o Ensino ou o Sagrado Corazón; e organizacións como a Asociación Síndrome de Down ou a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería e Turismo, entre outros. Entre todos articularon exposicións, actividades deportivas, actuacións musicais, conferencias, mesas redondas e, en definitiva, propostas para todas as idades.

En liñas xerais, O Teu Xacobeo tivo unha distribución equilibrada por todo o territorio, con actuacións en máis do 70 % dos concellos das catro provincias galegas, A porcentaxe de execución foi superior ao 90 %, e no caso concreto da terceira edición de case o 100 %.

Arias lembrou que se puxo en marcha no 2020 para reforzar a implicación da sociedade galega no Ano Santo que se aproximaba, e tivo unha extraordinaria acollida, que sumada á extensión do Xacobeo 21-22 fixo que se celebraran tres edicións en total. A irrupción da pandemia non impediu o seu desenvolvemento, que se adaptou apostando por formatos pequenos e pola dixitalización.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/12/2022