A Xunta pon en valor a achega anual de máis de 564 M€ aos concellos para garantir a súa suficiencia financeira e colaborar na prestación dos seus servizos

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, compareceu a petición propia hoxe no Parlamento de Galicia, onde destacou que Galicia garante desde 2011 a participación dos concellos nos orzamentos autonómicos a través do Fondo de Cooperación Local

Este fondo contará o próximo ano cunha contía de máis de 143,4 M€, dos que 30,5 M€ corresponden á parte adicional para sufragar os servizos máis demandados pola cidadanía, cunha suba récord do 135 %

Lembrou o importante apoio económico do Goberno galego cada ano en servizos que son de competencia municipal como as emerxencias ou a xestión da auga

As entidades locais contarán con máis de 20 M€ para consolidar as liñas de axudas dos últimos anos e poñer en marcha unha nova, dotada con 2,6 M€, co obxectivo de que poidan mellorar a eficiencia enerxética das súas infraestruturas

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2022 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe no Parlamento de Galicia que o Goberno galego traballa cada día no reforzo da autonomía local en todas as súas vertentes. Nunha comparecencia a petición propia sobre as liñas xerais de actuación do seu departamento, lembrou que os concellos galegos recibirán o próximo ano 564,3 millóns de euros, o que supón un 15,5 % por riba da contía deste exercicio.

Nesa contía inclúense, ademais de distintas liñas de axudas da Xunta, os 143,4 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local (FCL) que recibirán os municipios o próximo ano, un 17 % por riba de 2022. En concreto, 134,4 millóns de euros do fondo base e os 30,5 millóns de euros restantes do fondo adicional. Este último rexistrou unha suba dun 135 %, un récord histórico, para servizos de competencia municipal máis demandados polos concellos. Grazas a este fondo -lembrou- desde 2011 as entidades locais teñen garantido por lei unha dotación nos orzamentos autonómicos.

Diego Calvo explicou que a Administración autonómica continúa a reclamar ao Goberno central que “acelere a aprobación do novo sistema de financiamento autonómico e local e garanta a suficiencia financeira dos concellos”. Mentres, a Xunta trata de compensar os desfases que poidan producirse a través deses máis de 564 millóns de euros do FCL e doutras liñas de axudas.

Como paso previo á análise do sistema de participación das entidades locais nos tributos autonómicos mediante o FCL, a Xunta avanzou na clarificación do ámbito competencial no eido da Administración local no marco do convenio coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), encargada da elaboración do estudo. Nun principio, deste acordo tamén se prevía que formase parte a Federación Galega de Municipios Provincias (FEGAMP), pero o seu presidente, Alberto Varela, decidiu desmarcarse e crear un grupo de traballo e un estudo propio que impediu que se puidese acadar unha proposta única e consensuada.

Como exemplos detallou servizos como a axuda no fogar, os gastos de mantemento dos centros docentes de Educación Infantil -de 3 a 6 anos- e Primaria, todo o referido á xestión da auga ou os servizos de emerxencias.

De todas formas, aclarou que a Xunta colabora en todos estes ámbitos en servizos que son competencias municipais asumindo, entre outros aspectos, custos de gasóleo e de limpeza en centros educativos, e máis da metade dos gastos de funcionamento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e dos consorcios provinciais de bombeiros e salvamento, ademais de colaborar no seu equipamento. Tamén en todo o que ten que ver coas responsabilidades das entidades locais en abastecemento, saneamento e depuración as achegas do Goberno galego permitiron levar a cabo actuacións en 165 concellos.

A colaboración da Administración autonómica e a local incluirá outros 20 millóns de euros dos orzamentos da Vicepresidencia Segunda de 2023 co obxectivo de consolidar as liñas de axudas dos últimos anos, con 3,5 millóns para a Orde de infraestruturas de uso público para a mellora das instalacións destinadas á prestación de servizos municipais, 11,3 M€ do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) destinados a actuacións ambientais e 3 M€ das axudas a obras nos locais sociais e á dotación de equipamento de asociacións de veciños, de mulleres rurais e comunidades de usuarios de auga.

Co mesmo obxectivo porase en marcha unha nova orde de subvencións, dotada con 2,6 millóns de euros, dirixida ao financiamento de actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais cofinanciada con fondos FEDER.

Balance de actuacións no ámbito deportivo e na Administración de Xustiza

A aposta polo deporte foi outro dos aspectos máis salientables da comparecencia de hoxe, tendo en conta que o próximo ano contará con 44 millóns de euros nos orzamentos para, entre outras actuacións, poñer en marcha infraestruturas como o complexo lúdico deportivo de Monterrei ou o módulo cuberto do IFEVI en Vigo.

Como centro deportivo de referencia na comunidade, Diego Calvo puxo en valor o traballo realizado desde o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra no que adestran 168 deportistas e que supón máis de 4 millóns de euros anuais no seu mantemento e outros 5 millóns en obras realizadas nos últimos anos, polo que o vicepresidente segundo demandou maior colaboración do Goberno central en investimentos nestas instalacións para apoiar o deporte de alto nivel.

En canto ás próximas medidas a poñer en marcha, aprobáranse os plans de patrocinio de equipos de alto nivel e botará a andar a Oficina de Atención ao Deportista, desde a que asesorar aos que están en activo ou xa retirados.

Na súa intervención, incidiu ademais en poñer a atención no deporte para os máis novos e inculcar hábitos saudables entre a poboación, do que é un exemplo o programa Xogade destinado á promoción da actividade física en idade escolar, que na última edición contou con 120.000 participantes. Galicia é pioneira en contar cun seguro escolar para os nenos e nenas de 6 a 16 anos que participan nesta iniciativa e, por iso, xa se aprobou por 4,3 millóns de euros a póliza para os dous próximos anos.

Canto ao apoio ao tecido asociativo deportivo, este ano máis de 800 federacións e clubs percibiron máis de 4,6 millóns de euros en equipamento; outras 1.100 entidades outros 2 millóns de euros cos que sufragar a súa actividade; e as 58 federacións deportivas galegas un total de 4,8 millóns de euros para o desenvolvemento do seu programa deportivo.

Por outra parte, no eido da Administración da Xustiza, a Xunta avanzará no novo edificio xudicial da Estrada e na nova sede do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) en Santiago de Compostela, así como na dixitalización dos xulgados ata culminar en 2023 a instalación de salas de vistas xudiciais nos órganos xudiciais da comunidade.

Coa finalidade de ofrecer unha xustiza de calidade, o vicepresidente segundo sinalou o acordo acadado por unanimidade entre o Goberno galego e as organizacións sindicais para o desenvolvemento do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, que vai beneficiar 2.700 traballadores públicos. Así, a Xunta destinará o vindeiro ano 5,7 millóns de euros aos pagamentos vinculados ao desenvolvemento da traxectoria profesional. Ademais, o persoal de carreira e interino da Administración de Xustiza poderá solicitar este ano un novo grao I ou o grao II da traxectoria profesional e mellorar as súas condicións económicas.

Cómpre lembrar, por outra banda, que se atopa en tramitación parlamentaria o proxecto da Lei reguladora dos xogos de Galicia. Entrará en vigor o próximo ano e, como explicou Diego Calvo, o novo texto lexislativo adapta a norma vixente desde 1985 aos tempos actuais e aos novos modelos de xogo regulando tamén un xogo responsable e protexendo os colectivos máis vulnerables.

Acción de Galicia no exterior

Na súa comparecencia, o vicepresidente segundo tamén anunciou que a Xunta está a abordar a Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX), a folla de ruta que marcará ata 2027 os pasos a seguir por Galicia para afrontar con éxito os desafíos da comunidade na Unión Europea, na relación con Portugal e nos países da lusofonía, así como na cooperación ao desenvolvemento.

A Xunta manterá a súa aposta pola Fundación Galicia Europa para seguir defendendo os intereses de Galicia na UE, en especial no desenvolvemento dos fondos Next Generation. Respecto das relacións con Portugal, o Goberno galego manterá a súa aposta polos programas conxuntos para que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal poida manterse na posición de liderado en captación de fondos europeos do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza (POCTEP), do que a Comisión Europea vén de aprobar a nova convocatoria para o período 2021-2027.

O vicepresidente segundo pediu priorizar as infraestruturas que conectan Galicia e Portugal, como o AVE entre Vigo e Lisboa, para o que o Goberno central “non dá concrecións”, mentres o Executivo portugués xa comprometeu prazos e investimentos para esta liña. No ámbito da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, as demandas ao Executivo estatal debulladas por Diego Calvo inclúen a mellora do tren Celta Vigo-Porto, a conexión por estrada por Macedo de Cavaleiros ata A Gudiña, ou o impulso dunha autovía internacional que comunique Celanova e Portugal. Explicou que na Cimeira entre España e Portugal do pasado novembro tamén quedou pendente avanzar no futuro Estatuto do traballador transfronteirizo co que se pretenden mellorar as condicións de traballo e a mobilidade dos traballadores da raia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/12/2022