A Xunta colabora na primeira tradución ao galego da obra ‘A miña irmá Antonia’ de Valle-Inclán

O secretario xeral de Política Lingüística participa na presentación deste traballo de Rocío Viéitez, que vén acompañado dunha recompilación de fotografías de Adolfo Enríquez e dun facsímile do orixinal

Tamén asistiu hoxe á presentación dos libros Personaxe fantasmal dunha historia de Álvaro Cunqueiro, de Paco López Barxas, e Bibliotecas Antigas de Galicia, de Luis F. Polo

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta serán na presentación do libro A miñá irmá Antonia, de Ramón María del Valle-Inclán, traducida por primeira vez ao galego por Rocío Viéitez co apoio da Xunta, do concello da Pobra do Caramiñal e do Museo Valle-Inclán. O volume complétase coas fotografías de Santiago de Compostela realizadas por Adolfo Enríquez e a edición facsimilar do orixinal.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades falou da necesidade de poñer en galego “todas as obras relevantes da literatura universal” e engadiu que Valle-Inclán “é un autor orixinal e innovador, dunha calidade extraordinaria, cuxa obra se amolda especialmente ben á lingua galega, por dicilo dalgún xeito, pois, á fin, a ambientación, a cultura, o pensamento, o sentimento e moitos aspectos expresivos que teñen detrás moitos dos seus orixinais en castelán xa teñen a Galicia e á súa lingua como pano de fondo”.

 

Canda Valentín García tamén participaron neste acto, que acolleu o Centro Internacional de Prensa de Galicia, Xaquín del Valle-Inclán, neto do escritor e autor do prólogo; Antonio González Millán, director do museo pobrense e coordinador da publicación; Rocío Viéitez, autora da tradución, e Adolfo Enríquez, fotógrafo e editor da obra. Ademais, a presentación estivo amenizada por unha pequena representación do texto da man do actor Roberto Leal e a actriz Gloria Rico.

 

A miña irmá Antonia apareceu por primeira vez no volume Cofre de sándalo en 1909 co engadido “Obras completas de Valle-Inclán. Tomo I”. Ambientada nas rúas de Santiago de Compostela de principios do século XX, Valle-Inclán inspirouse na Casa do Cabido para escribir esta historia de misterio que narra a vinganza do estudante Máximo Bertal, namorado de Antonia a rexeitado pola súa nai.

 

Colaboración con outras dúas publicacións

Tamén hoxe, o secretario xeral de Política Lingüística participou na presentación doutros dous volumes publicados co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

 

O primeiro deles, Personaxe fantasmal dunha historia de Álvaro Cunqueiro, de Paco López Barxas e publicada pola Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, recrea os encontros mantidos entre o mindoniense e Eugenio Granell. A obra, escrita nun acto único dividido en tres escenas, é unha homenaxe ás figuras de ambos os escritores e pon de relevo, non só a fraternal amizade que os vencellou, senón tamén o universo de complicidades e converxencias que as súas obras teceron.

 

Por último, Valentín García tamén participou este xoves na rolda de prensa de presentación do volume Bibliotecas Antigas de Galicia, unha recompilación de imaxes de 12 bibliotecas galegas realizadas polo fotoxornalista Luis F. Polo Diez entre os anos 2020 e 2021. O libro, que reivindica o papel central das bibliotecas na nosa conciencia colectiva, é o resultado dunha minuciosa investigación gráfica e documental das principais bibliotecas de Galicia, esparexidas polas catro provincias coincidindo as súas localizacións con tramos dos diferentes Camiños de Santiago.

 

As imaxes aparecen, ademais, acompañadas das súas respectivas explicacións, realizadas polas persoas responsables das bibliotecas en cuestión.

Data de actualización: 01/12/2022