Galicia acada a cifra de paro máis baixa de toda a serie histórica nun mes de novembro

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, valorou hoxe os datos do paro rexistrado destacando que o desemprego cae por segunda vez na Comunidade nun novembro de toda a serie histórica (1996) na comparativa mensual
 

Con respecto a 2021, diminúe en todos os sectores de actividade, nas catro provincias e nas sete grandes cidades
 

As cifras de parados menores de 30 anos e de mulleres son as máis baixas de toda a serie histórica (maio 2005) nun novembro
 

O número de afiliacións continúan en aumento con respecto a hai un ano
 

Lorenzana salienta a importancia de que as persoas que buscan un traballo se acollan aos plans autonómicos de formación, xa que están adaptados ás vacantes das empresas
 

Anuncia que “de xeito inmediato” os 136 novos orientadores laborais incorporaranse ás oficinas de emprego e insiste na necesidade de seguir impulsando a colaboración público e privada para coñecer a demanda de traballo do tecido produtivo

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022 Galicia pechou novembro coa cifra de paro (142.758) máis baixa de toda a serie histórica neste mes,  no que baixou o desemprego tanto na evolución anual como mensual e aumentaron as afiliacións con respecto a hai un ano. Así, o destacou hoxe a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, quen valorou os datos do paro rexistrado. Indicou que “Galicia continúa na senda do descenso do paro” e sinalou que os datos son “coherentes”, xa que o desemprego baixa e as afiliacións crecen.

 

Con respecto a novembro de 2021, o paro caeu nun 6,54% , descendendo en todos os sectores de actividade, nas catro provincias e sete grandes cidades. En canto ás actividades económicas, liderou a baixada o sector primario (-13,33%) seguido da industria (-12,05%), a construción (-7,70%) e os servizos (-5,61%). A conselleira, en concreto, destacou a caída do paro na industria, ao estar por debaixo do descenso medio do desemprego.

 

O paro tamén caeu nos colectivos con máis dificultades para atopar un traballo: entre os menores de 30 anos (-11,16%), parados de longa duración (-10,05%) e mulleres (-6,70%). As cifras de parados menores de 30 anos e de mulleres, ademais, son as máis baixas de toda a serie histórica (maio 2005) nun novembro.

 

Na evolución mensual, Lorenzana apuntou que diminúe por segunda vez o paro en Galicia nun mes de novembro de toda a serie histórica (1996) e afirmou que descende na industria (-1,51%) e nos servizos (-0,85%).

 

En canto ás afiliacións, Galicia segue a superar a barreira do millón de persoas que cotizan á Seguridade Social con 1.047.608 persoas, unha cifra superior á rexistrada hai trece anos (en novembro de 2009 había 1.028.533). As cotizacións aumentaron con respecto a hai un ano nun 1,17%, polo que a comunidade galega conta con 12.110 persoas afiliadas máis.

 

En palabras de Lorenzana, a Xunta continúa a traballar porque “en Galicia hai vacantes de emprego”. “É preciso insistir en axudar ás empresas e ás persoas sen traballo en atopar un posto laboral” e, ao respecto, avanzou que os 136 novos orientadores laborais, cuxas prazas se aprobaron onte no Consello da Xunta, incorporaranse “de xeito inmediato” ás oficinas de emprego.

 

A titular de Promoción do Emprego apuntou, ademais, que a Xunta continúa co labor de impulso da ferramenta informática para casar oferta e demanda, ao tempo que animou ás persoas que buscan traballo a que se acollan aos plans autonómicos de formación “ao estar orientados ás vacantes das empresas”, engadiu. Insistiu, así, na importancia de seguir mantendo a colaboración público-privada para saber os postos de traballo que na actualidade está a demandar o tecido produtivo. 

 

Xempre Contigo

O Goberno galego está executando unha nova estratexia laboral, Xempre Contigo, coa que se aposta por ofrecer ás persoas demandantes dun traballo un Servizo de Emprego máis próximo no que se poidan atopar ofertas axeitadas a súa formación. Estase, así, a acometer unha ampla modernización deste servizo para facelo máis accesible e máis dinámico coa renovación das oficinas de emprego; a súa dixitalización cun novo software baseado nas novas tecnoloxías para identificar as necesidades do mercado en tempo real; e coa formación para o persoal.

 
Ao reto de impulsar a formación para o emprego e orientación, no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, o Goberno galego investirá en 2023 un total de 202,2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/12/2022