O centro de formación A Aixola cumpre 25 anos capacitando a máis de 2.000 persoas nos oficios do mar

Desde a súa apertura en 1997 por parte da Consellería do Mar, o alumnado beneficiouse dos arredor de 150 cursos impartidos nas diferentes convocatorias
 

Este centro formativo converteuse nun referente nos ámbitos da construción de embarcacións de madeira e poliéster, da reparación e o mantemento de instalacións náuticas eléctricas, mecánicas e hidráulicas, de redes, a velaría e a reparación de materiais pneumáticos

Compartir
  • whatsapp

Marín (Pontevedra), 2 de decembro de 2022 O centro de formación A Aixola, posto en marcha pola Consellería do Mar no ano 1997, celebrou hoxe o acto conmemorativo do seu 25 aniversario. No acto fíxose balance da actividade do centro, que desde o seu nacemento capacitou en distintos oficios do mar a máis de 2.000 alumnos a través duns 150 cursos impartidos nas instalacións da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra.

 

A xornada de celebración foi organizada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, que xestiona A Aixola, e reuniu a profesores, alumnos e exalumnos, entidades colaboradoras e a representantes dos diferentes equipos directivos que nestes 25 anos desempeñaron o seu labor no centro.

 

O acto estivo presidido pola directora-xerente do Cetmar, Paloma Rueda, e contou coa presenza doutros responsables da Consellería do Mar como a directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado.

 

Nel fíxose un percorrido pola historia do centro a través da proxección de imaxes e da intervención, en distintas mesas redondas, dos responsables e profesores nos primeiros anos da institución e de dous alumnos de diferentes especialidades que debateron sobre a súa experiencia formativa.

 

O Centro de Formación A Aixola naceu co obxectivo de capacitar aos colectivos da pesca que buscaban formación noutros oficios do mar. Desde entón converteuse nun referente nos ámbitos da construción de embarcacións en madeira e en poliéster, na reparación e o mantemento de instalacións náuticas eléctricas, mecánicas e hidráulicas, na confección e reparación de redes, a velaría e a reparación de materiais pneumáticos.

 

Nestes 25 anos impartíronse na escola 14 certificados de profesionalidade, 7 deles de confección e mantemento de artes e aparellos; 18 cursos combinados entre diferentes especialidades formativas e outros 117 cursos de diferentes duracións en todas as áreas formativas do centro. En total foron preto de 150 cursos e 36.000 horas de formación impartida para máis de 2.000 alumnos.

 

O centro complementa esta formación co impulso do espírito emprendedor e cooperativo entre os seus beneficiarios e o apoio na busca de novas oportunidades de emprego, incidindo ao tempo  na inclusión social, apoiando a integración de colectivos en risco de exclusión e fomentando a igualdade de xénero nas actividades con maior segregación.

 

Inserción laboral

O alumnado da Aixola destaca polo nivel de inserción laboral pois, por exemplo, un 60% dos alumnos que se formaron entre 2020 e 2021 estaban desempregados e seis meses despois de finalizar os cursos, un 76% tiña traballado, na maioría dos casos en cuestións relacionadas coa formación recibida na Aixola. Ademais, arredor dun 40% seguiron formándose no centro de formación dependente da Consellería do Mar tras finalizar a súa actividade formativa.

 

En 2022 impartíronse neste centro de Marín un total de 2.080 horas de formación, atendendo a máis de 150 alumnos e, de cara a 2023, están programados oito novos cursos para os que xa está aberta a inscrición (http://aixola.cetmar.org/cursos-2023-preinscripcions-abertas/). Esta actividade está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 02/12/2022