O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa na presentación dos actos conmemorativos polo aniversario deste organismo

Román Rodríguez refírese á creación do Consorcio de Santiago hai 30 anos como un fito decisivo para a evolución e a conservación do patrimonio

Salienta que o conxunto histórico como hoxe o coñecemos non se podería explicar sen os 30 anos deste organismo e animou a sentar as bases das próximas décadas
 

A entidade foi creada en abril de 1992 para dar unha resposta conxunta ás necesidades da cidade por parte da Xunta de Galicia, o Estado e o Concello

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación dos actos conmemorativos do 30 aniversario do Consorcio de Santiago de Compostela, a cuxa creación se referiu como un “fito decisivo para a evolución do casco vello e a conservación do patrimonio santiagués”.

 

Tras unha visita polas rúas do casco histórico, o acto rematou na sede do Consorcio onde o responsable autonómico de Cultura fixo un chamamento para sentar as bases dos próximos 30 anos e a seguir traballando na conservación e modernización da cidade histórica. “Os que vivimos en Galicia temos a sorte de facelo nunha terra cun dos legados patrimoniais, artístico e histórico máis importantes do mundo e esta sorte á aínda maior en Santiago de Compostela”, afirmou antes de salientar a capacidade do fenómeno da peregrinación para rachar fronteiras e engrandecer aínda máis o valor deste patrimonio.

 

Neste senso, Román Rodríguez engadiu que a zona vella, tal e como hoxe a coñecemos, non se podería explicar sen os 30 anos de historia do Consorcio de Santiago. “Este é un organismo no que diferentes administracións remamos na mesma dirección para artellar proxectos de longo alcance que repercuten no beneficio de todos os galegos e que garanten a vitalidade deste Patrimonio da Humanidade”, subliñou.

 

Principais actividades

O Consorcio de Santiago de Compostela foi creado mediante a aprobación dos seus estatutos en abril de 1992 para dar unha resposta conxunta ás necesidades da cidade por parte da Xunta de Galicia, a Administración Xeral do Estado e o Concello de Santiago.

 
As súas principais actividades teñen que ver coa recuperación urbana e co impulso de iniciativas de interese cultural e patrimonial mediante subvencións, programas, intervencións directas, encontros ou publicacións. Ademais, é a entidade xestora da Real Filharmonía de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/12/2022