A Xunta adxudica por preto de 100.000 € a mellora da contorna da Capela de Santa Marta, en Crecente

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2022 
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar por preto de 100.000 euros as obras de mellora da contorna da capela de Santa Marta, localizada na parroquia de San Xoán de Albeos, no concello de Crecente.

O proxecto, cun prazo de execución de catro meses, inclúe unha intervención de mellora na pavimentación e a reforma dos servizos urbanísticos, así como a eliminación dunha marquesiña e un novo emprazamento para os contedores de lixo.
 
A maiores, executarase un pequeno muro de contención de mampostería sobre zapatas de formigón; renovarase o pavimento dos accesos á ermida; reporase a rede de abastecemento e as canalizacións das pluviais, ademais da rede de enerxía eléctrica. Tamén se eliminará o cableado da rede telefónica e eléctrica e renovaranse as luminarias. Ademais, instalarase un banco e plantaranse camelias e oliveiras.
 

A actuación cofinanciarase entre a Xunta, que achegará o 70% do custo da actuación, e o propio Concello de Crecente, que porá o 30% restante, en virtude dun convenio de colaboración asinado o pasado mes de agosto entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor municipal, Julio César García-Luengo.

A mellora proxectada na capela de Santa Marta enmárcase nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 e que xa permitiu mobilizar ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 400 intervencións urbanísticas en decenas de concellos co fin de mellorar a calidade de vida da veciñanza.
 
Desde entón, só na provincia de Pontevedra foron comprometidas ou executadas desde entón ao abeiro deste programa un total de 63 actuacións, incluída a que se proxecta acometer no concello de Crecente.
 
A Xunta destinará 8,6 millóns de euros o vindeiro ano a seguir apoiando ás entidades locais galegas na execución deste tipo de obras para a mellora e construción de equipamentos públicos, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.

Data de actualización: 03/12/2022