Lete Lasa confirma a “recuperación do programa Xogade” no cross zonal do Condado-Paradanta no que participaron 357 nenos e nenas

A edición da tempada pasada rexistrou un total de preto de 156.000 participacións nas diferentes modalidades grazas a participación de 117.000 rapaces e rapazas, o que representa que pouco a pouco vanse recuperando as cifras de participación pre pandemia

Compartir
  • whatsapp

Salvaterra de Miño (Pontevedra), 2 de decembro de 2022 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu na mañá de hoxe ao zonal de campo a través do Condado-Paradanta ao abeiro do programa Xogade (Xogos galegos deportivos en idade escolar) na que participaron 357 nenos e nenas das categorías infantil e cadete dos centros IES Pazo da Mercé (As Neves), CPI Mondariz (Mondariz), IES Pedra da Auga (Ponteareas), IES Barral (Ponteareas) e IES Salvaterra de Miño. O programa Xogade xunta toda a oferta deportiva federada e escolar para os nenos e nenas de entre 6 e 16 anos e, neste caso particular, a Secretaría Xeral para o Deporte, da man da Agrupación Deportiva Escolar do Condado-Paradanta ocúpase da promoción dos rapaces e rapazas de Ponteareas, Salvaterra de Miño, Mondariz, As Neves, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente.

O mandatario galego destacou a importancia do deporte nas idades máis temperás por ser “hábitos que permanecerán na vida dos máis pequenos ata as idades máis avanzadas” e que permiten que, “pouco a pouco, consigamos esa Galicia activa e saudable que todos queremos e que afasta as enfermidades provocadas polo sedentarismo e a inactividade física”. Deste xeito lembrou que a Xunta de Galicia financia o seguro deportivo de todos os participantes no programa sen repercutir este gasto ás familias e que, na presente tempada, a prima anual media será de 2,16 millóns de euros, un 21,5 % máis que a prima media anual de 2022, grazas ao contrato asinado de 4,3 millóns de euros ata 2024.

A edición da tempada pasada 2021/2022 rexistrou un total de preto de 156.000 participacións nas diferentes modalidades de Xogade grazas a participación de 117.000 rapaces e rapazas de toda Galicia, o que representa que pouco a pouco vanse recuperando as cifras de participación pre pandemia, que se situaban nos 128.000 nenos e nenas.

Nesta tempada, 2022/2023 as disciplinas convocadas dentro da actividade deportiva escolar de Xogade serán un total de 15: atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, campo a través, dúatlon, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/12/2022