A Xunta e o comité de empresa das Pontes coinciden na necesidade de que o Goberno aclare a situación da central térmica e a capacidade do nó de evacuación


O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado pola secretaria xeral de Industria, Paula Uría e a directora xeral de Formación para o Emprego, Zeltia Lado, reuniuse cos representantes dos traballadores cos que concordou na importancia de que se convoque a Mesa das Pontes, que non se xunta desde xuño de 2021

Cren necesario que o Goberno tamén concrete a situación dos traballadores en materia de formación, ámbito no que a Xunta prestará todo o seu apoio
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 3 de decembro  O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado pola secretaria xeral de Industria, Paula Uría e a directora xeral de Formación para o Emprego, Zeltia Lado, reuniuse esta semana cos representantes sindicais e do comité de empresa das Pontes para avaliar a situación actual da central térmica e os proxectos industriais de futuro para esta comarca. Ambas as dúas partes coincidiron na necesidade de que o Goberno comece a trasladar certezas e un calendario con prazos definidos para ver o xeito de darlle viabilidade aos proxectos industriais e estratéxicos nos que a Xunta traballa hai dous anos e que explique cal vai ser a capacidade real e efectiva do nó de evacuación. 

Conde lembrou que a Mesa das Pontes non se reúne desde hai ano e medio -xuño de 2021-, polo que os presentes concordaron na importancia de que se celebre un novo encontro para que todas as partes poidan contar con información sobre o proceso de transformación das Pontes. 

En concreto, o vicepresidente económico lembrou que coñecer o futuro do nó das Pontes, que se atopa nunha zona de transición xusta, é fundamental para o desenvolvemento e viabilidade de proxectos que terían un importante impacto na zona como a planta de pneumáticos de Sentury Tire, a fábrica de hidróxeno verde de EDP e Reganosa ou o polo de economía circular e biomateriais de Ence.  

Ademais, tamén sería necesario concretar, por parte do Goberno e no contexto do Acordo de transición xusta, a situación dos traballadores en materia de formación, ámbito no que a Xunta prestará todo o seu apoio. 

O Goberno galego trasladou aos traballadores que segue estando ao seu carón e que a transformación das Pontes non pode deixar fóra nin aos empregados da planta, nin á industria auxiliar, nin aos transportistas.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/12/2022